A Televisión de Galicia descobre o Santiago Oculto dos Peregrinos
fai 12 anos
Esta mañá un equipo da Televisión de Galicia gravou unha reportaxe sobre os lugares máis destacados da ruta do Santiago Oculto dos Peregrinos. O equipo estivo acompañado do coordinador do proxecto, o profesor e xornalista Manuel F. Rodríguez.
Un momento da gravación para a Televisión de Galicia na praza da Inmaculada
A televisión pública de Galicia emitirá a próxima fin de semana unha completa reportaxe sobre o Santiago Oculto dos Peregrinos. Un equipo do programa A Revista FDS (Fin de Semana) estivo esta mañá nalgúns dos principais puntos xacobeos da cidade acompañado polo director do proxecto, o profesor, escritor e xornalista Manuel F. Rodríguez.
Deste xeito, o programa –que se emite os sábados e domingos a partir das 12.15 horas– mostrará esta fin de semana algúns dos lugares máis emblemáticos da ruta recollida no plano do Santiago Oculto, moitos deles descoñecidos para os propios composteláns. É o caso da porta do Santo Peregrino ou o cemiterio do Santo Peregrino, situados moi preto da praza do Obradoiro pero grandes esquecidos nos roteiros histórico-culturais da cidade.
O equipo tamén gravou na contorna da praza da Inmaculada, onde se situou a fonte do Paraíso na que, segundo o Códice Calixtino, podían bañarse uns quince homes, e a praza do Obradoiro, eixo central do casco histórico compostelán onde se sitúan, ademais da propia fachada catedralicia, dous dos máis representativos espazos xacobeos da cidade: o antigo Hospital Real –hoxe Hostal dos Reis Católicos– e, xusto enfronte, a portada do Hospital de Santiago, o hospital de peregrinos máis relevante da cidade durante séculos e do que só se conserva a fachada, trasladada desde a praza da Inmaculada ata o actual pazo de San Xerome no século XVII.
Todo isto e moitas máis curiosidades serán desveladas esta fin de semana no programa A Revista FDS. A partires das 12.15 horas na Televisión de Galicia.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)