Preséntanse as actas do VIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos
fai 12 anos
Santiago acolleu hoxe a presentación das actas do VIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos “Peregrino, ruta e meta nas Peregrinacións Maiores”, celebrado na cidade en 2010 e que puxo de manifesto o inxente traballo de investigación que o Camiño de Santiago supón para expertos e centros de investigación de todo o mundo.
A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo vén de publicar o libro de actas que foi presentado polo propio xerente da entidade, José Paz; pola secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e polo presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci von Saucken.
Na publicación recóllense textos tan interesantes como “As tres peregrinacións maiores no Códice Calixtino”, de Klaus Herbes; a memoria e semblanza do experto Manuel C. Díaz y Díaz a cargo de Paolo Caucci von Saucken ou “Evocacións de Xerusalén na arquitectura do Camiño de Santiago: o Santo Sepulcro e a Santa Cruz”, de Javier Martínez Aguirre.
Segundo resaltou a secretaria xeral “a investigación é o futuro, na ciencia, na tecnoloxía, pero tamén no Camiño de Santiago porque sen investigación no habería unha base sólida sobre a que apoiar o enorme fenómeno de revitalización das peregrinacións a Compostela que estamos vivindo”. Destacou tamén que “a investigación confire, custodia e defende o Camiño de Santiago e a súa especificidade ao longo dos seus máis de mil anos de Historia”.
Outras accións
A Secretaría Xeral e o Xacobeo desenvolven diversos traballos de investigación, como a exposición Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez, comisariada por Manuel Castiñeiras, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, que deu lugar a unha importante mostra exhibida en tres países e a un volume coeditado polo Xacobeo e mais pola célebre editorial milanesa SKIRA en cinco idiomas. Tamén se realizaron xornadas científicas en París e en Roma, así como unha importante produción audiovisual e reconstrucións en 3D cunha sólida base científica.
Durante os últimos anos o Xacobeo ten patrocinado ducias de congresos, seminarios e ciclos de temática compostelá en áreas que van dende a xeografía, a física ou a relixión ata a medicina ou a historia. Ademais, vén de sumar unha nova colaboración co Institute for Pilgrimage Studies do College of William & Mary, que supón a apertura do primeiro espazo ligado á investigación xacobea nos Estados Unidos.
Carmen Pardo resaltou ademais a creación de Ad Limina, a revista de investigación do Xacobeo, que naceu no Ano Santo da man do Comité de Expertos do Camiño de Santiago, e que próximamente publicará o seu terceiro número
Iconografía xacobea
O último traballo no que colabora Turismo de Galicia a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo co Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago é a creación de IAGO, unha base de datos de iconografía xacobea para construír un completo corpus de imaxes e xerar a ferramenta do Thesaurus de iconografía xacobea, que permitirá unificar a terminoloxía e facilitar o baleirado, a indexación e catalogación de imaxes, datos e outras aplicacións na rede.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)