logo_menu

PROXECTO ACTUALIDADE PLANO

Iacobus Absconditus Peregrinorum

O itinerario pola Compostela máis xacobea

A cidade que crearon os peregrinos

“Ao saír da catedral fixemos as nosas pequenas compras: conchas, rosarios, figuras de chumbo...” Cóntao o francés Guillaume Manier, que peregrina a Santiago en 1726, con varios amigos.
É un exemplo entre outros moitos. A adquisición de emblemas e símbolos xacobeos, que conferían sentido e permanencia á viaxe –continúan conferíndoo, doutra forma–, era un dos xeitos que tiñan os peregrinos de facer súa a meta compostelá, os seus significados, os seus segredos. Chegaban a ela desde toda Europa, illas incluídas, desde o século X para visitar o sepulcro do apóstolo Santiago o Maior. Fora descuberto cara a 820-830 por un ermitán no que agora é o espazo do altar maior da catedral compostelá, que naquel tempo formaba parte dun antigo cemiterio.
A viaxe a través do Camiño de Santiago, a ruta histórica con múltiples ramais xurdida no medievo por toda Europa con meta en Compostela, podía durar meses e supoñía unha aventura repleta de dificultades e sorpresas.
Por iso, case toda a cidade estaba feita á medida dos peregrinos. Estes, ao chegar, prolongaban de forma real e emocional a experiencia da gran viaxe pola propia urbe. Facíano polos albergues, as hospedaxes preferidas por nacionalidades, os hospitais para os máis pobres e enfermos, os cemiterios onde enterraban aos falecidos ao chegar, as tendas especializadas nas súas necesidades, os centros de devoción da tradición xacobea como a fonte do Franco, San Fiz de Solovio, etc.

O Santiago oculto dos peregrinos

A Compostela xacobea histórica esvaeceuse en gran medida. O tempo converteuna no Santiago oculto dos peregrinos. Pese a iso, esa cidade pensada por e para os camiñantes europeos segue aí, conectando pasado e presente. Só hai que buscala. Merece a pena. Era e é a prolongación necesaria para os peregrinos e peregrinas de calquera procedencia trala case sempre intensa experiencia do Camiño e a visita á catedral. Era ese o modo de dar a forma final á longa viaxe, á emoción na cidade anhelada.
En definitiva, Compostela, xurdida co descubrimento do sepulcro apostólico –a súa reveladora denominación inicial foi Locus Sancti Iacobi–, desenvolveuse en torno aos peregrinos europeos que visitaban ao apóstolo Santiago e os usos mediante os que estes, á súa vez, fixérona súa. A forza deste pasado chega ata o presente.
Por iso propoñemos aquí o itinerario máis xacobeo pola Compostela máis singular. Unha ruta sen comparación posible. Só realizable nesta cidade e á medida do que os peregrinos –agora procedentes dos cinco continentes– e moitos turistas seguen buscando: o ser, a ánima que fixo Compostela. A etapa definitiva do Camiño.

Onde conseguir o plano-guía Fotos do proxecto