PublicidadeXacobeo
logo_menu

PROXECTO ACTUALIDADE PLANO

Cultura incoa o expediente de delimitación do Camiño de Santiago Primitivo ou de Oviedo

fai 12 anos

A Consellería de Cultura publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a incoación do expediente para a delimitación do Camiño de Santiago Primitivo ou de Oviedo ao seu paso por Galicia co fin de garantir unha mellor protección desta ruta.

Trazado do Camiño Primitivo

O Camiño Primitivo, que é unha das dúas variantes do Camiño Norte, constitúe un dos roteiros históricos de maior simbolismo do norte peninsular. Ao seu paso por Galicia, discorre polos termos municipais de A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide, onde entronca coa ruta principal do Camiño de Santiago, o Camiño Francés.

A delimitación do Camiño Primitivo comezou en 1997 e permanecía sen resolver. A Consellería de Cultura e Educación dá agora resposta á demanda de valorización e recuperación, co fin de fixar un trazado continuo principal que se corresponda co transmitido pola tradición e de delimitar un ámbito de protección que garanta a integridade e autenticidade desta ruta xacobea.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, ademais da incoación do expediente de delimitación do Camiño Primitivo, xa aprobou en 2011 o trazado definitivo do Camiño Francés. Agora, os servizos técnicos da Consellería de Cultura e Educación están traballando na delimitación do Camiño Inglés e do Camiño Portugués.

Ruta tradicional

O trazado principal discorre na súa práctica totalidade polo camiño tradicional, herdeiro vivo do antigo camiño medieval, agás naqueles puntos nos que está perdido ou é irrecuperable, onde se fixou un trazado alternativo, acorde cos valores inmateriais asociados ao camiño. Ademais, recóllese tamén un trazado complementario e trazas con vestixios históricos documentados.

Para favorecer a conservación deste ben patrimonial, sinalouse unha zona de protección intensiva, na zona dos 30 primeiros metros a partires dos extremos exteriores do camiño; e unha protección de conxunto, na que calquera intervención deberá ser autorizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que contempla o territorio histórico vencellado ao camiño.

Para delimitar o trazado e o ámbito de protección tomouse como base a delimitación realizada nos anos noventa, contrastándoa cos estudos históricos e coa información cartográfica e fotográfica dispoñible. Tamén se realizou unha prospección sobre o terreo e recolleuse información entre os veciños.

O trazado contrastouse con representantes dos concellos afectados, da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e da Asociación de Amigos do Camiño Primitivo de Santiago, e someteuse ao informe do Comité Asesor do Camiño de Santiago. A partir de mañá ábrese un trámite de información pública de dous meses para que os interesados consulten o expediente na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, na Xefatura Territorial da Consellería en Lugo e nas oficinas municipais de cada un dos concellos polos que transcorre o Camiño Primitivo ao seu paso por Galicia.

Ver todas as novas

A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado

fai 10 anos

Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)

Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña

fai 10 anos

Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)

PublicidadeFundacion La Rosaleda

PublicidadeRestaurante Calderon
PublicidadeOral Group