Os Amigos do Camiño de Santiago en Xapón peregrinan a Compostela para apoiar aos damnificados polo tsunami
fai 12 anos
A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón convidou os mozos das rexións máis danadas polo terremoto e o tsunami do 11 de marzo de 2011 a peregrinar ata Santiago en sinal de apoio a estas zonas.
A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e o xerente do Xacobeo recibiron no Obradoiro aos peregrinos
Trátase de mozos que xa remataron os seus estudos e que sufriron directamente as consecuencias do maremoto na zona de Kesen-numa, moi similar a Galicia, con rías e unha importante industria de cultivo de ostras e vieiras, que quedou totalmente destruída ao paso do tsunami. Deste xeito, utilizaron o Camiño como experiencia terapéutica, xa que lles deu a oportunidade de pensar e decidir, lonxe do lugar da traxedia, cara onde encamiñar as súas vidas.
O grupo, integrado por estudantes e membros da asociación, comezou o seu periplo en León o 25 de xullo e chegou onte a Compostela, acompañado dun equipo de televisión xaponés que está a filmar a experiencia para emitila nun documental. O equipo é da televisión de Shikoku, unha illa xaponesa que conta cunha das peregrinacións máis importantes do país xunto coa do camiño de Kumano, en Wakayama.
A sensibilidade da rexión cara ao fenómeno da peregrinación foi a que levou a este equipo de profesionais da comunicación a ocuparse da Ruta Xacobea, un traballo que realizan xa por segunda vez, dado que seguiron a ruta dunha rapaza xaponesa dende os Pirineos ata Santiago. Nesta ocasión Galicia terá unha relevancia especial dado que, tras chegar a Santiago, os mozos visitarán tamén Fisterra, Muxía e O Grove.
O filme The Way en Xapón
Entre as actividades que desenvolve a Asociación Xaponesa de Amigos do Camiño de Santiago figura a colaboración coa distribuidora do filme The Way, que vén de estrearse en Xapón. A asociación alcanzou un acordo para que nos cines onde se proxecte haxa un stand con información sobre a ruta e sobre a propia asociación. Deste xeito, ao remate da proxección, moitos xaponeses poden ter máis información e mesmo unha credencial para peregrinar a Santiago.
Por outra banda, a presidenta da asociación xaponesa –que en 2013 cumprirá cinco anos da súa fundación–, Tomoko Marioka, reuniuse co xerente do Xacobeo, José Paz, quen lle confirmou o seu apoio por continuar co proxecto. Marioka resaltou o feito de que os mozos que viñeron a Compostela converteranse en prescriptores de opinión e impulsores da Ruta Xacobea no seu país e confirmou a intención da asociación de darlle máis presenza a Galicia no seu proxecto, polo que o próximo ano a peregrinación comezará no Cebreiro e continuará a pé pola Ruta Fisterra-Muxía.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)