Un novo plano descobre unha "Ruta Monumental de Santiago"
fai 12 anos
Turismo de Santiago vén de editar o novo folleto "Ruta Monumental de Santiago", unha publicación pensada para que os turistas poidan coñecer os puntos de maior interese do casco histórico.
Reyes Leis e Yolanda Ferreiro, responsable de Marketing de Turismo de Santiago, presentaron a publicación
A ruta ten un percorrido cunha duración estimada de 2 horas e 45 minutos, no que se visitan 44 monumentos da cidade, unha cifra que por si mesma indica o valor patrimonial que acumula a cidade histórica. O percorrido comeza na praza do Obradoiro, entrando na catedral.
A continuación visítanse as outras prazas que rodean o edificio, Inmaculada e Acibechería, Quintana e Praterías. Logo paséase por diferentes rúas, pasando por espazos destacados da cidade como o Mercado de Abastos, a Porta do Camiño, Bonaval e incluso a Alameda. Tamén se inclúen referencias a algúns espazos interesantes fóra da propia ruta, como a colexiata de Sar ou o convento de Belvís.
Este folleto súmase ao folleto da catedral, que se distribúe na oficina de información turística dende comezos de ano. Ambos seguen a mesma liña, folletos sinxelos e visuais, con información precisa sobre os monumentos, que ao mesmo tempo permiten seguir un percorrido, xa pola propia catedral ou polo casco histórico.
Ademais, vén de actualizarse o plano oficial da cidade, no que xa aparecen indicados novos espazos estratéxicos para o turismo na cidade como o novo Museo das Peregrinacións e de Santiago, a sala de exposicións sita na Casa do Cabido, o Museo de Galicia da Cidade da Cultura, ou equipamentos de próxima apertura como o Museo de Historia Natural ou o centro comercial As Cancelas, entre outros.
O novo folleto pódese descargar aquí.
Praza de Abastos
Así mesmo, desde o Concello apostan porque a nave 5 da Praza de Abastos se convirta nun “escaparate gastronómico", no que estean presentes “uns 10 ou 12 locais de tapas, de exaltación gastronómica, con produtos da propia praza, e que sexan complementarios á oferta gastronómica da cidade”.
O proxecto para esta nave podería sacarse a concurso en novembro e tamén se estuda a posibilidade de que a Praza de Abastos puidera abrir polas tardes, unha petición que se lle trasladou á xerencia do Mercado para abordar posibles fórmulas. Finalmente a concelleira anunciou que en decembro podería estar funcionando o ascensor e que se segue a traballar na posible construción dun estacionamento nesta zona da cidade.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 9 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)