Turismo de Galicia prepara unha exposición itinerante sobre o “Códice Calixtino”
fai 12 anos
Ante a gran expectación xerada tras a desaparición do Códice, púxose en marcha unha exposición que empezará a súa andaina por cidades españolas a partires de setembro e permitirá coñecer mellor a relevancia desta publicación.
Unha das páxinas do "Códice Calixtino"
A Secretaría Xeral para o Turismo, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, prepara unha completa exposición sobre o Códice Calixtino que percorrerá dende o próximo mes de setembro e durante 2013 diferentes cidades españolas e estranxeiras. Entre as españolas figuran, polo de agora, Madrid, León e Málaga. A mostra tenta satisfacer a enorme expectación causada tras a desaparición do Códice Calixtino e servirá tamén para presentar Galicia como destino turístico.
De carácter didáctico, a exposición tratará a historia e contidos do Calixtino, o ambiente cultural no que naceu, a mentalidade da época, a catedral e a cidade de Santiago no século XII e unha síntese da historia do Camiño de Santiago e dos seus valores culturais. Como complemento, incluirá exemplos de creatividade artística contemporánea, en especial as láminas orixinais de Francisco Leiro que acompañan á primeira edición íntegra en galego do Códice, editada polo Xacobeo.
Entre as pezas haberá facsímiles como o do propio Códice ou o da cruz doada polo rei Afonso III no 874, e orixinais como o capitel medieval dunha casa compostelá, un libro do século XVI que recolle gravados con escenas de peregrinación ou un rosario de acibeche e prata do gremio compostelán do século XIX. Tamén haberá fotos ampliadas das miniaturas do Códice, vídeos de peregrinos actuais e as reconstrucións virtuais do altar maior e da fachada norte da primitiva catedral románica segundo as descricións do Libro V do Códex Calixtinus, así como láminas e letras capitais feitas por Francisco Leiro en 2009 para a tradución galega, un óleo do Apóstolo de 1992 de Afonso Sucasas e a serie de pinturas sobre os milagres de Santiago feitas por Antón Patiño en 1993. A música ambiental da exposición procederá das notacións musicais orixinais do Códice.
Historia e estrutura do Códice
O arcebispo Diego Xelmírez foi o grande impulsor do Camiño de Santiago, da construción da catedral románica e da remodelación da urbe de Compostela a principios do século XII. De acordo con esta gran tarefa de construción e promoción, tivo a idea de realizar un soporte bibliográfico que recollera a tradición xacobea e contribuíra a súa divulgación: foi Líber Sacti Iacobi, cuxa copia máis completa e antiga é a que recibe o nome popular de Códice Calixtino e se conserva na catedral compostelá.
O nome debeuse ao interese dos autores en aumentar o prestixio da obra adxudicándolle a autoría ao papa cluniacense Calixto II. A redacción do texto e a elaboración das miniaturas proseguiu trala morte de Xelmírez (1140), ata o 1170 co engadido ao texto orixinal duns apéndices con poemas e himnos e a súa notación musical correspondente. Do orixinal fixéronse varias copias manuscritas entre 1172 e 1657 que circularon por toda Europa e foron o principal medio de transmisión textual xacobea da historia.
O 4 de xullo de 2011 o Códice foi roubado do arquivo da catedral e un ano máis tarde, o 8 de xullo de 2012, foi recuperado intacto como froito da correspondente investigación policial.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)