Dezaseis anos do Dezaseis
fai 12 anos
É, sen dúbida algunha, un dos referentes da hostalería compostelá. Situado na emblemática rúa de San Pedro, en pleno Camiño de Santiago, O Dezaseis logra converter os clientes en amigos e a comida nun pracer ó alcance de moitos, de todos aqueles que baixan os centenarios chanzos deste fermoso local.

O Dezaseis está na xacobea rúa de San Pedro
O seu nome, Casa de Xantar, non deixa lugar ás dúbidas; estamos nun establecemento onde comer implica algo máis que alimentarse, que gozar dun bo prato; é unha forma de volver a aquelas comidas de antes, cociñadas paseniñamente ó calor da amizade e do bo facer.
Un local onde gozan tanto os que comen coma os que cociñan ou sirven; por iso un dos seus maiores logros e converter os clientes ocasionais en fieis comensais e estes en amigos, unha fórmula que leva sumando devotos dezaseis anos xa, e que continúa dando moitas satisfaccións a todos os que comparten ese emblemático espazo.
Con motivo deste simbólico aniversario, moitos dos amigos de Avelino, Suso e Gonzalo participaron na elaboración dun disco de edición limitada no que, coma non podía ser doutro xeito, escolléronse 16 temas representativos do folk galego. X. M. Budiño, Uxía, Malvela, Espido... e moitos outros amigos participaron nesta gravación que conmemora unha importante traxectoria cargada de ilusións e éxitos.
Doce anos de polbo á grella
Non tantos como o local pero case, ten este prato ideado por Rafa Riveiro alá polo ano 2000 e que desde entón se serve de xeito ininterrompido na carta do Dezaseis. Segue a ser o prato estrela da mellor tradición gastronómica que desenvolve agora Gonzalo Lobato e da que gozan xa por igual composteláns e turistas ou peregrinos.
Porque a sona do Dezaseis subiu eses escalóns que levaban a un vello alpendre hai apenas dúas décadas, e foi estendéndose pola cidade do Apóstolo ata chegar a todos os rincóns. Hoxe taxistas, recepcionistas e composteláns recomendan este local no que, en datas de gran afluencia, é preciso reservar se se quere asegurar un prato.
Funciona de luns a sábado de 14.00 a 16.00 h e de 20.30 a 24.00 h e, ademais do famoso polbo á grella, ofrece multitude de pratos nos que a estrela é o producto galego pero a súa preparación deixa un oco para a imaxinación ou a experimentación que agradecen tanto os habituais como aqueles que queren unha comida tradicional diferente. Ademais conta con menú do día a elixir entre dous primeiros e dous segundos, bebida, sobremesa e café.
E poucos deixan escapar a ocasión de gozar desta sobremesa con algún dos excelentes licores galegos que ofrece a casa e que permiten estender ese momento de pracer.
Se xa o coñecen, non esperen máis para volver gozar deste agradable comedor. E se aínda non o descubriron, poñan rumbo á rúa de San Pedro. No número dezaseis; non ten perda.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 10 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)