Múltiples propostas para este agosto en Santiago de Compostela
fai 12 anos
Aínda que rematan as festas de Santiago, a cidade contará cunha intensa actividade cultural en agosto con variadas propostas que van desde o Festival Internacional de Percusión (FIP Santiago), o programa Curtocircuíto na Rúa ou múltiples actividades para o público familiar e infantil.
Proxección de Curtocircuíto en edicións anteriores
As actividades programadas encherán de música, cine, teatro ou circo algúns dos espazos máis emblemáticos da cidade, como as prazas da Quintana, Toural, San Martiño Pinario e Cervantes ou o paseo central da Alameda.
Baixo a denominación “Verán na rúa”, o programa inclúe propostas para todos os públicos con especial fincapé no ámbito musical grazas aos 35 concertos do “Feito a man”, organizado pola Asociación Cidade Vella ou ao Festival Internacional de Percusión, que se celebrará o 3 e 4 de agosto.
O FIP caracterízase pola versatilidade dos grupos e percusionistas participantes, nacionais e internacionais, que presentan espectáculos e producións propias anovadoras e arriscadas, co fin de sorprender ao espectador. Concertos, obradoiros, artistas noveis, outras músicas, encontros de percusión amateurs... todo un cartel de actividades para que os espectadores participen activamente.
Curtocircuíto e espectáculos para todos os públicos
As mellores curtametraxes de España e do mundo chegarán ás rúas compostelanas grazas ao festival que desde hai anos organiza o Concello. Filmes controvertidos, poéticos ou divertidos, pero sempre entretidos, que o público terá a oportunidade de ver os xoves 2, 9, 23 e 30 ás 22.30 h en diversas prazas do casco histórico.
A isto súmanse espectáculos de teatro, circo, pallasos, malabares, maxia e outras disciplinas nos que o público participará activamente e que tomarán as rúas de luns a venres ás 19.30 horas. Poderase ver a Roi Sixto cos seus malabares e maxia cómica; a Rudi Rudi, de Bélxica, cun espectáculo de clown; a Chimichurri (Madrid) con dous espectáculos de circo clown e equilibrios; aos arxentinos Grupo Electrógeno cunha comedia circense, etc.
Podes descargar o programa completo aquí.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)