A localidade portuguesa de Belmonte acolle dende onte a exposición itinerante “Olladas no Camiño de Santiago”
fai 12 anos
Organizada polo Xacobeo, a Asociaçao de Espaço Jacobeus e a Cámara Municipal de Belmonte, a exposición recolle a visión particular sobre o Camiño de Santiago dos fotógrafos galegos Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Villarino e Tino Viz.
"Olladas no Camiño de Santiago" é unha mostra itinerante
A exposición Olladas no Camiño de Santiago permanecerá na igrexa de Santiago de Belmonte ata o 19 de agosto e simultaneamente outra copia está a exhibirse nas Illas Azores formando parte dun plan de promoción do Camiño de Santiago en Portugal.
A mostra, organizada polo Xacobeo xunto coa Asociaçao de Espaço Jacobeus e a Cámara Municipal de Belmonte, xa itinerou por diferentes cidades de diversos países ata chegar a Portugal, onde pasou xa por Barcelos e Oliveira de Azemeis e, tras esta estancia en Belmonte, irá a Valença do Minho e Vila Verde. A copia que está nas Azores pasará por Ribeira Grande, Lagoa, Illa da Terceira, Illa do Pico e Illa do Faisal antes de chegar a Madeira.
Olladas no Camiño de Santiago
A mostra amosa a visión particular que sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo teñen diferentes fotógrafos. Os autores, Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martínez, Javier Teniente, Xulio Villarino e Tino Viz rexistran coas súas cámaras a paisaxe, o patrimonio arquitectónico, a riqueza humana de peregrinos, visitantes e persoas que viven ao longo dos Camiños que levan a Santiago.
Nas fotos destes recoñecidos profesionais aparecen desde símbolos puramente xacobeos ata manifestacións antropolóxicas, pasando por retratos con nome e apelidos e figuras anónimas, e desde paisaxes abertas ata a intimidade de igrexas e claustros.
A dicir dos críticos, a través das súas obras os artistas senten e reflicten como nunha sociedade globalizada e acelerada existen espazos en que, independentemente de quen sexas e de a onde vaias, sempre te sentirás identificado. O tempo toma unha dimensión diferente da que manexamos no noso ritmo cotián. O destino é o que te coloca, e ese é Compostela.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)