Preséntase en Roma a I Travesía Náutica Xacobea
fai 10 anos
A Travesía enmárcase nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. A inscrición, que está aberta, é gratuíta para as embarcacións.
Roma acolleu a presentación da Primeira Travesía Náutica Xacobea, organizada pola Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, en colaboración coa Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (Asnauga). O acto contou coa presenza do embaixador de España en Italia, Francisco Javier Elorza e mais de Monseñor Rodríguez Carballo, arzobispo de Belcastro e secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica.
Durante a presentación o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, explicou que a iniciativa se celebrará nos meses de xuño e xullo e compoñerase de dúas rutas marítimas, a Mediterránea e a Atlántica. Segundo dixo, está prevista a participación dunha trintena de embarcacións, ademais das goletas da organización nas que tamén viaxarán peregrinos.
Esta travesia comezará o 15 de xuño e percorrerá máis de 1.500 millas náuticas en 14 etapas, nas que recalará en portos de Italia, Francia, España e Portugal. Segundo matizou José Juan Durán, “non esquezamos que os restos do Apóstol Santiago foron trasladados desde Palestina a Compostela por mar, aí deu comezo dalgún xeito a peregrinación. A súa orixe é, polo tanto, náutica”.
A peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago deixou pegada a través do xurdimento da Orde Franciscana. “Con esta peregrinación queremos poñer de relevo a sensiblidade franciscana co feito xacobeo, o amor pola natureza e polos valores universais da peregrinación xacobea”. A ruta que sae de Xénova vai percorrer Toulon, Palma de Mallorca, Cartaxena, Roquetas, Marbella, Cádiz e os portos portugueses de Portimao, Sines, Cascais, Figuiera da Foz e Porto ata arribar a Galicia. A Ruta Atlántica ten previsto saír de Ribadeo o 6 de xullo e previamente terá recalado en portos do Reino Unido e Irlanda.
Ambas rutas confluirán na Ría de Arousa, dende onde os peregrinos percorrerán a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla ata Santiago de Compostela. Máis información sobre o evento na páxina web de Asnauga e mais en turismo.xunta.es.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 10 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)