Santiago Oculto presenta unha nova app e unha "Guía secreta" da cidade
fai 9 anos
A presentación da app e da publicación Santiago de Compostela para los peregrinos. Guía secreta terá lugar mañá, mércores 4 de xuño, ás 12.30 horas no Hotel Monumento San Francisco.

A nova guía está dispoñible xa en librarías
O Hotel Monumento San Francisco acolle este mércores, 4 de xuño, ás 12.30 h a presentación dunha nova guía e dunha aplicación que se enmarcan no proxecto "Iacobus Absconditus Peregrinorum", posto en marcha no verán de 2012 para dar a coñecer os lugares e aspectos puramente xacobeos da cidade.
Daquel proxecto xurdiu esta web, unha primeira aplicación para dispositivos móbiles, mapas en tres idiomas e unha primeira guía centrada na catedral cuxa edición se esgotou en poucas semanas.
O éxito da iniciativa posta en marcha por Bolanda, Edicións e Marketing permitiu unha nova fase, coincidindo coa conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, na que se edita unha nova Guía secreta coa mesma filosofía da anterior pero ampliada a toda a cidade de Compostela, e se actualizou completamente a aplicación con novos e interesantes servizos.
A app, dispoñible en tres idiomas –castelán, galego e inglés–, inclúe o mapa do Santiago Oculto con todos os lugares especificamente xacobeos da cidade, pero incorpora un mapa guía que permite, mediante GPS, chegar a eses puntos e coñecer in situ toda a súa historia.
Aínda que a ferramenta máis novidosa é o geocaching, que permite descubrir eses lugares a xeito dunha busca do tesouro seguindo unhas coordenadas que nos dirixen a un destino descoñecido. No Santiago Oculto hai 35 puntos a descubrir que darán ao usuario unha nova perspectiva da cidade. A aplicación, para dispositivos Android, está dispoñible nesta web e en Google Play.
Nova Guía secreta
Baixo o título Santiago de Compostela para los peregrinos. Guía secreta a nova publicación permite achegarse á cidade dende unha perspectiva exclusivamente xacobea. O seu autor é o xornalista e escritor Manuel F. Rodríguez, coordinador de todo o proxecto "O Santiago Oculto dos Peregrinos" e un dos maiores expertos na historia xacobea compostelá.
Ao igual que a anterior guía, centrada na catedral, esta publicación conta cun excepcional apartado gráfico e incorpora varios despregables con planos de situación dos lugares que se detallan e que permitirán obter unha nova visión da cidade do Apóstolo a visitantes e peregrinos pero tamén aos propios composteláns.
Na presentación intervirán, entre outros, Manuel F. Rodríguez, autor da guía; Javier Belo, creador da app; o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e o deán da Catedral, Segundo Pérez López.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 8 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 9 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)