A ONCE emitirá un cupón conmemorativo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís
fai 10 anos
O delegado da ONCE en Galicia, Manuel Martínez, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o ministro provincial dos Franciscanos de Galicia, José Antonio Castiñeira, presentaron hoxe o cupón.
Segundo explicou o delegado da ONCE en Galicia, emitiranse cinco millóns e medio de cupóns o día 13 de maio. O cupón dedicado ao VIII centenario está ilustrado co logotipo da conmemoración, así como co monumento pétreo do escultor galego Francisco Asorey dedicado ao santo de Asís e coa fachada do Obradoiro da catedral compostelana.
A directora de Turismo de Galicia destacou as diversas iniciativas de colaboración que se teñen levado a cabo dende a Xunta de Galicia e a ONCE para promover o Camiño de Santiago e incidiu na importancia que esta acción terá na promoción do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.
Segundo recalcou, o obxectivo do programa do VIII Centenario é impulsar a dinamización turística e cultural de Galicia a través dos valores da peregrinación xacobea de San Francisco de Asís, un dos grandes personaxes da historia da humanidade. Pero tamén busca estimular a participación do sector privado en proxectos relacionados coa conmemoración, cuxa programación inclúe todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación, así como as iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante.
Proxectos expositivos e culturais
Actualmente Compostela acolle dúas mostras enmarcadas nos actos relacionados coa efeméride. Auga Doce, unha exposición con diferentes expresións artísticas que pode visitarse na Cidade da Cultura ata setembro, e Il Cammino di Francesco, unha mostra fotográfica de Steve McCurry que percorre os lugares e espazos sagrados da vida de San Francisco a través dos ollos deste prestixioso fotógrafo da axencia Magnum.
Ademais, lembrou que Turismo de Galicia traballa na mostra On The Road, o gran proxecto expositivo do centenario, unha mostra de arte moderna que se desenvolverá no Pazo de Xelmírez e mais na igrexa e no cemiterio de Bonaval.
Complementan a programación proxectos expositivos itinerantes, travesías náuticas, mostras musicais e teatrais e grandes citas congresuais como o primeiro Congreso de Peregrinacións e Turismo ou o 1º Cumio de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)