Turismo de Galicia agasalla cun Bono Iacobus ao peregrino 200.000
fai 10 anos
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fíxolle entrega hoxe dun Bono Iacobus a Stephen Wood e á súa parella para que descubran un novo xeito de percorrer a Ruta Xacobea.
O peregrino 200.000 que recolleu esta ano a compostela na Oficina de Acollida da Rúa do Vilar terá, ademais da recompensa de ter chegado a Santiago tras camiñar durante máis dun mes dende Saint Jean-Pied-de-Port, un agasallo adicional.
Trátase dun servizo turístico concibido especificamente para o Camiño de Santiago e que se caracteriza por permitir o percorrido por etapas nas distintas vías históricas que conducen a Compostela, aloxándose cada día nunha casa de turismo rural de Galicia, coa cea e o almorzo incluídos. Stephen e a súa parella, os peregrinos 200.000 e 200.001 en chegar a Compostela no que vai de ano, poderán escoller entre as sete rutas dispoñibles co servizo Bono Iacobus: Camiño Francés, Camiño do Sudeste-Vía da Prata; Fisterra-Muxía; Camiño Portugués; Camiño do Norte; Camiño Inglés ou Camiño Primitivo.
Todos os establecementos de turismo rural que participan no Bono Iacobus están estratexicamente situados preto de cada fin de etapa, acollen ao peregrino dunha maneira familiar e ofrécenlle unha gastronomía de calidade, típica de cada zona.
O bono proporciona tamén a posibilidade de contratar servizos opcionais como un picnic para o xantar do día mentres se fai o Camiño, o traslado da equipaxe ao longo das etapas da ruta e os desprazamentos dende e ata o aeroporto.
Stephen Wood e mais a súa parella proceden de Canadá. Máis da metade dos peregrinos que chegaron este ano a Santiago son estranxeiros, en total 100.863. No que vai de ano xa teñen chegado a Santiago 200.524 peregrinos e percorreron as rutas xacobeas 21.490 máis que os rexistrados no mesmo período do ano pasado.
Máis de 140.000 camiñantes percorreron o Camiño Francés; 27.992 o Portugués; 12.705 o Camiño Norte; 6.416 o Primitivo; 8.169 a Vía da Prata, 4.211 o Camiño Inglés; 383 outros Camiños e 431 o Camiño dende Fisterra-Muxía.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)