PublicidadeCamara de comercio
logo_menu

PROXECTO ACTUALIDADE PLANO

Cultura no Camiño ofrece 105 actuacións en 42 concellos das rutas xacobeas

fai 11 anos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, presentaron o novo programa escénico e musical que ofrecerá 105 actuacións de teatro, maxia, música e novo circo en 42 localidades galegas situadas nas distintas rutas xacobeas.

Organizado en colaboración cos concellos participantes, o calendario de espectáculos dá comezo mañá venres, 4 de outubro, e estenderase ata finais de mes como parte dos actos conmemorativos do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.

Nava Castro resaltou o feito de que no que vai de ano máis de 190.000 peregrinos recolleron a compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino, o que supón un incremento do 12,4 % con respecto aos peregrinos rexistrados no mesmo período do ano pasado. Castro incidiu tamén no feito de que o Camiño de Santiago “é o produto turístico estrela da nosa comunidade. É a nosa carta de presentación no mundo e constitúe un potente elemento diferenciador”.

Ademais, resaltou que dende mediados deste ano, ata mediados de 2015, Compostela engade ao feito de ser cidade meta dos peregrinos, o reclamo de ser o epicentro dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Ao tempo, comentou que xa se teñen realizado actividades conmemorativas como a exposición que se pode visitar en Asís ou o programa Música no Camiño a través do que se desenvolveron actividades musicais gratuítas durante o verán en enclaves do Camiño Francés.

Segundo a directora de Turismo, a dinamización das vilas xacobeas contribúe a complementar a actividade cultural neste mes de outono, “unha época extraordinaria para coñecer Galicia, para redondear a estadía entre nós con ofertas culturais atractivas”.

Pola súa banda, o director da Agadic incidiu no carácter descentralizador desta iniciativa na procura de compartir a oferta cultural galega co maior número de cidadáns posible. Neste caso, achégase ao público de concellos polos que discorren os diferentes camiños a Santiago e que, como explicou­­ Jacobo Sutil, “non adoitan formar parte dos circuítos habituais de distribución escénica e musical”.

Modalidades artísticas

Cultura no Camiño ofrecerá un total de 24 representacións teatrais para público adulto e 22 para público infantil, ademais de 36 actuacións de maxia, 18 concertos e 5 funcións de novo circo. Será, ademais, unha programación cen por cen galega protagonizada por 56 compañías escénicas e grupos musicais.

A programación inaugúrase mañá coas actuacións de Animar-T, que representa o espectáculo A historia de Martín na Fonsagrada; Rober Bodegas, con O umbral da estupidez humana (produción de Abrapalabra Creacións Escénicas) en Fene; e Creacións Máxicas Lirorai, con Maxia de aquí e acolá en Rodeiro.

Por provincias, os concellos nos que se desenvolve Cultura no Camiño son: A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Arzúa, Cambre, Carral, Corcubión, Dodro, Dumbría, Fene, Fisterra, Melide, Negreira, Padrón, Rois e Teo, na provincia da Coruña; A Fonsagrada, Abadín, Barreiros, Begonte, Guitiriz, Guntín, Lourenzá, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Ribas de Sil, Sarria, Sober e Vilalba, na de Lugo; A Mezquita, Amoeiro, Castrelo do Val, Piñor e Xinzo de Limia, en Ourense; e A Illa de Arousa, Catoira, Mos, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Silleda e Soutomaior, en Pontevedra.

O calendario coas datas e horas das funcións está dispoñible para a súa consulta na páxina web da Agadic: www.agadic.info/Axenda

Ver todas as novas

A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado

fai 9 anos

Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)

Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña

fai 10 anos

Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)

PublicidadeFundacion La Rosaleda

PublicidadeRestaurante Calderon
PublicidadeAC Palacio del Carmen, Autograph Collection Hotels