A ocupación en agosto superou a do último Ano Santo
fai 11 anos
Galicia presentou en agosto o maior crecemento nacional da cifra de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros, cun 13,4 % máis que no mesmo mes de 2012.
En total, 581.118 viaxeiros aloxáronse en hoteis e pensións galegos, rexistrando 1.293.649 pernoitas, un 8,5 % máis que en agosto do ano pasado. Este crecemento coloca o nivel de viaxeiros aloxados neste tipo de establecementos no máximo histórico da comunidade, superando en case 20 mil viaxeiros a cifra do último Ano Santo 2010.
O bo comportamento da demanda hoteleira é consecuencia dos crecementos rexistrados nos tres grandes segmentos do mercado. Neste sentido, soben as pernoitas do turismo nacional –un 7,3 % o turismo interno e un 8,5 % o procedente doutras comunidades– e tamén as pernoitas de turistas internacionais un 10 % sobre o mesmo período do ano pasado.
A cifra de viaxeiros tamén experimentou crecementos: o 9 % o turismo interno; o 16 % o receptor nacional e o 11 % a cifra de viaxieros estranxeiros. Deste xeito, en agosto a cifra de turistas estranxeiros acada máximos históricos de viaxeiros aloxados, superando por primeira vez a barreira dos 125 mil neste período e das 221 mil pernoitas.
Acumulado do ano
No que vai de ano, a cifra de viaxeiros rexistrada nos establecementos hoteleiros galegos subiu un 5,7 % a respecto do mesmo período de 2012 e a de pernoitas subiu un 2,1 %, rexistrando 4.728.980. A nivel nacional, Galicia rexistra a taxa de crecemento máis elevada da cifra de viaxeiros aloxados, liderando o incremento no conxunto de España tamén no que se refire aos oito primeiros meses do ano.
A cifra de viaxeiros internacionais neste período subiu un 14 % e a de pernoitas rexistradas por este segmento turístico subiu un 11 %.
Meses de verán
No período estival –meses de xullo e agosto– Galicia rexistra unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, superando nun 12,2 % a cifra de viaxeiros aloxados e nun 6,7 % a cifra de pernoitas do verán pasado. Por primeira vez nun ano non santo Galicia supera o millón de aloxados nos meses de xullo e agosto. O turismo internacional acadou máximos históricos nos meses de xullo e agosto, así como o máximo peso no conxunto da demanda hoteleira –co 23 % do total de viaxeiros aloxados-.
Peregrinos
Dende o día 1 de xaneiro ata hoxe recolleron a compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino da rúa do Vilar un total de 181.164 peregrinos, dos que o 48,9 % son estranxeiros. Isto supón que no que vai de ano chegaron a Santiago 20.239 peregrinos máis que no mesmo período de 2012, isto é, un 12,6 % máis.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)