Acuñan a moeda de Adro Vello, a primeira de curso legal que representou a Traslatio no s. XII
fai 10 anos
Este luns, 16 de setembro, tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos de Santiago o acto de acuñamento da moeda de Adro Vello, a primeira moeda de curso legal que representou a Traslatio Apostólica no século XII.

O conselleiro de Cultura con Javier Sánchez-Agustino, presidente da Fundación.
No acto participaron o presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, asociación que promoveu o evento, Javier Sánchez-Agustino; o director da Ruta Quetzal BBVA, Miguel de la Quadra Salcedo; o alcalde do Grove, Ángel Pérez; o profesor José Ignacio Carro Otero, e diferentes alcaldes dos municipios polos que trancorre esta ruta.
Tamén estivo presente o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, quen asegurou que actos coma este recordan “de onde vimos e as orixes de feitos históricos e sociais tan relevantes para a nosa terra como o Xacobeo”.
Vázquez Abad explicou que esta moeda ten o valor de ser “a representación máis antiga dunha tradición xacobea esencial, a da chegada do corpo do Apóstolo ao porto de Iria por vía marítima desde Palestina”. Asemade, o representante de Cultura e Educación asegurou que actos como este “contribúen á promoción e salvagarda do Camiño de Santiago e do fenómeno Xacobeo”.
Moeda do século XII
Acuñada a mediados do século XII, a moeda supón a máis antiga representación da Traslatio do Apóstolo Santiago. Mide 13 mm de diámetro e está feita dunha aliaxe de prata e cobre. Data do reinado de Fernando II (1157-1188), un dos grandes impulsores da construción da Catedral de Santiago. Resulta significativo a representación da escena da Traslatio utilizando unha embarcación do Atlántico norte, o coñecido como o hulk.
No seu reverso, identifícase un león e a lenda “Ferdinandus Rex”. No seu anverso, lese a inscrición “S Iacobi” a ambos lados dun mastro no que se recoñecen tres figuras: dúas cabezas e troncos cara a popa, e na proa unha terceira cabeza deitada.
A moeda atopouna o profesor da Universidade de Santiago de Compostela José Ignacio Carro Otero nunha campaña arqueolóxica realizada en 1985 nas escavacións de Adro Vello na localidade pontevedresa do Grove.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 8 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 9 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)