Os alcades de Santiago e Tanabe reforzan a promoción conxunta de ambas cidades
fai 11 anos
O alcalde de Santiago, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, reuníronse na cidade de Tanabe coas autoridades locais. Tanabe é o destino de referencia do Camiño de Kumano que, xunto co de Santiago, son as únicas rutas de peregrinación declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Recepción das autoridades de Tanabe
Santiago e Tanabe levan anos colaborando na súa promoción conxunta, pero este ano estase reforzando a colaboración por dúas razóns: a celebración do Ano Dual España Xapón 2013-2014, co que se conmemora a chegada a España da primeira delegación diplomática xaponesa a un país occiodental en 1613, e a conexión de Santiago con Estambul de Turkish Airlines, que pode aumentar o fluxo entre ambos países.
Un dos elementos de promoción conxunta é o desenvolvemento de www.spiritual-pilgrimages.com, unha web para a promoción das dúas rutas de peregrinación. A web pode consultarse en castelán, inglés e xaponés e amosa as similitudes que, pese á distancia xeográfica e ás diferencias culturais, comparten o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo. Nesta web promocionase tamén a conexión de Turkish Airlines entre Santiago e Estambul e a celebración do Ano Dual España Xapón.
Precisamente, con motivo da conexión entre Santiago e Estambul, Turismo de Santiago, coa colaboración de Paradores e de Turkish Airlines, organizou un concurso dunha viaxe a Santiago entre as persoas que visitaron o mostrador da cidade na Jata, principal feira turística do país, que se celebrou entre o 12 e o 15 de setembro. Este concurso foi similar ao que se celebrou tamén na EMITT, a principal feira turística de Turquía, para promocionar a conexión con Estambul entre o mercado turco.
Outra das iniciativas conxuntas é un intercambio de persoal entre Turismo de Santiago e Turismo de Tanabe. Grazas a este intercambio, un técnico de Turismo de Santiago estará traballando ata o 18 de setembro no ente de xestión turística de Tanabe, onde, ademais de aprender os modos de traballo da administración turística xaponesa, tamén poderá coñecer mellor a súa cultura para poder aplicar esta experiencia ás próximas accións de promoción que se desenvolvan de cara a este mercado. Posteriormente, un técnico de Turismo de Tanabe traballará en Santiago nas dependencias da empresa municipal de promoción turística.
Camiño de Kumano
No ano 2004, o Camiño de Kumano, xunto con Koyasan, Yoshino e Omine, foron declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco por ser os “lugares sacros e os camiños de peregrinación nas cordilleiras da montaña Kii”. O Camiño de Kumano, ubicado no sur da Península Kii, é unha antiga ruta de peregrinación que une as rexións de Kumano, Kyoto, Ise, Koya e Yoshino. Tanabe é onde se atopa o principal santuario de Camiño de Kumano.
Na cultura nipona, a rexión de Kumano é unha terra sacra, bañada polo mar que limpa a corrente Negra, á que se chega tras atravesar cadeas de escarpadas montañas. A tradición conta que o ser humano transfórmase en antepasado e, despois de purificado, chega a ser deus. Co paso dos anos, orixinouse a crenza de que indo á rexión de Kumano podía atoparse aos espíritos dos mortos.
Tanto os deuses-antepasados coma os demais deuses do panteón sintoísta de Xapón moran na natureza. Por iso, en Kumano enraizouse dende antigo a veneración pola natureza: non so o propio edificio debe ser comprendido como templo e lugar sacro, senón todo o territorio de bosques e montañas no que se atopa.
Deste modo xurdiu Kumano Sanzan, o conxunto dos tres santuarios principais do Camiño de Kumano: Kumano Hongu, Kumano Hayatama e Kumano Nachi Taisha, unidos pola ancestral ruta de peregrinación. O santuario de Kumano Hongu atópase en Hongu, unha das pequenas vilas da cidade de Tanabe. Trátase do máis importante dos tres santuarios, e alí os peregrinos fan ritos de purificación no lendario manancial de Yunomine Onsen, de proverbiais efectos curativos.
A tradición sitúa a construción dos tres santuarios antes da época do emperador Suiko, que vivíu entre os anos 554 e 628. O Camiño de Kumano, como o Camiño de Santiago, non ten perdido o seu atractivo a través dos séculos, e hoxe en día continúa sendo unha ruta seguida por miles de persoas.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)