Cultura publica hoxe a incoación do expediente para delimitar o tramo galego do Camiño do Norte
fai 11 anos
A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia pretende con esta medida garantir a mellor protección dos lugares, edificios e paraxes polos que discorre esta ruta xacobea.
Tamo do Camiño do Norte ao seu paso por Arzúa
O Camiño de Santiago do Norte, Ruta da Costa, comunica a cornixa cantábrica con Compostela. A delimitación levouse a cabo tras un intenso traballo documental e de campo no que se combinaron metodoloxías de diferentes disciplinas como a historia, a antropoloxía, a arqueoloxía, a xeografía e os estudos sobre a paisaxe. Como resultado apareceron na delimitación algunhas novidades respecto ao camiño actualmente sinalizado. Ademais de pequenos axustes na traza, a nova delimitación inclúe cambios de maior envergadura; un dos máis significativos é a confluencia en Mondoñedo das dúas variantes de entrada en Galicia (a que provén de Ribadeo e a que vén de Abres), que antes se xuntaban en Lourenzá.
Outra novidade de interese é que, desde Boimorto, o Camiño da Costa segue directamente para Santiago, enlazando co Camiño Francés na zona da cabeceira do aeroporto de Lavacolla, na parroquia de San Paio de Sabugueira. Esta ruta, herdeira da vía romana que unía Braga con Lugo, está moi ben documentada tanto na cartografía histórica como nos relatos de peregrinos ou de ilustres viaxeiros como o Padre Sarmiento.
Deste xeito, despois da realización de diversos estudos e segundo a documentación analizada, ao seu paso por Galicia, o Camiño Norte discorrer polos termos municipais de: Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte, Friol, Sobrado, Vilasantar, Boimorto, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela, onde entronca co Camiño Francés á altura da cabeceira do aeroporto. O tramo no Concello de Compostela, non obstante, non se recolle neste expediente por ser obxecto doutro procedemento actualmente pendente de resolución.
Metodoloxía
Para a realización da delimitación do trazado e do ámbito de protección, os técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural tomaron como base a delimitación realizada nos anos noventa, contrastándoa cos estudos históricos e coa información cartográfica e fotográfica dispoñible, tanto histórica como actual. Así mesmo, realizouse unha completa prospección sobre o terreo e recolleuse información entre os veciños.
Unha vez elaborado o trazado, foi exposto e contrastado con representantes de todos os concellos afectados, da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo e da Asociación de Amigos do Camiño Primitivo de Santiago. Así mesmo, someteuse o traballo ao informe do Comité Asesor so Camiño de Santiago, atendendo as suxestións e pareceres das devanditas partes para incorporalas ao expediente.
Tras estes trámites, e incoado o expediente, ábrese a partires de mañá un trámite de información pública de dous meses, durante o cal os interesados poderán consultar o expediente (informe-proposta detallado, mapas, planos e un anexo fotográfico) na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Edificio Administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela), na Xefatura Territorial da Consellería en Lugo e nas oficinas municipais de cada un dos concellos polos que transcorre o Camiño Primitivo ao seu paso por Galicia.
Delimitación das rutas xacobeas
Con este traballo, a Consellería de Cultura e Educación avanza na delimitación do trazado dos Camiños de Santiago, despois de que se aprobara a delimitación da trazado definitivo do Camiño Francés e o Camiño Primitivo ou de Ovedo. Nestes momentos, co Camiño Inglés e o Camiño Norte (Ruta da Costa) xa incoados, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural traballa na delimitación do trazado do Camiño Portugués, que se prevé que poda estar lista antes de que finalice o ano.
A delimitación oficial destas rutas supón unha aposta pola protección do patrimonio galego máis senlleiro, tanto desde o punto de vista da integración das infraestruturas incluídas no ámbito de protección dos trazados, como no que atinxe aos valores culturais e medioambientais asociados a estas vías de peregrinación.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)