Turismo de Santiago promocionará a cidade en Brasil, Xapón e San Sebastián este mes
fai 11 anos
Turismo de Santiago desenvolverá este mes tres accións de promoción, dúas delas en Brasil e Xapón, mercados prioritarios para a cidade. A concelleira de Turismo lembrou que este ano está sendo o mellor da historia da cidade en pernoctacións internacionais, segundo os datos do INE.
A concelleira Reyes Leis presentou as iniciativas hoxe en Raxoi
Reyes Leis recordou que entre xaneiro e xullo houbo 248.821, un 12,4 % máis respecto aos primeiros sete meses do 2012. Este crecemento prodúcese respecto a un ano no que xa se conseguiran as mellores cifras históricas, cun aumento do 10,8 % respecto do 2011. A concelleira apuntou que os datos positivos na evolución do turismo internacional confirman que a estratexía marcada dende Turismo de Santiago está sendo acertada, polo que se reforzará a liña de acción definida: centrarse nos mercados prioritarios para a cidade: Italia, Alemaña, Reino Unido e Francia.
Pero tamén se apuntará dun xeito decidido a mercados que constitúen oportunidades para a cidade. Así, este mes faranse dúas accións de promoción en dous destes mercados: Brasil e Xapón. Brasil ten sido tradicionalmente o mercado máis importante para a cidade en América Latina. O principal elemento promocional é o escritor Paulo Coelho, que ten continuas referencias ao Camiño de Santiago na súa obra, pero destaca especialmente a súa primeira novela O peregrino de Compostela (Diario de un mago), de 1987. Non obstante, entre 2004 e 2009 houbo un retroceso no número de peregrinos brasileiros, que remontou en 2010 e alcanzou o seu mellor ano en 2012.
Turismo de Santiago considera que Brasil é unha oportunidade porque a cidade ten xa un posicionamento, porque é un mercado de 200 millóns de persoas en pleno desenvolvemento económico e porque hai lazos vitais con Galicia. Por iso participará na principal feira turística profesional do país, a ABAV, que se desenvolverá en Sao Paulo do 4 ao 8 deste mes. Organizada pola Asociación Brasileira de Axencias de Viaxes na pasada edición tivo 28.000 visitantes profesionais, o 89 % directivos vinculados co proceso de compra.
Xapón
Xapón é outro dos mercados prioritarios por diversos motivos, entre os que destaca que o turista xaponés é un dos que maior gasto medio ten nas súas viaxes a España, con máis de 2.000 euros por persoa, moi por riba da media dos turistas internacionais e doutros mercados máis próximos a cidade. De aí que a importancia do turismo xaponés para a cidade non ten que medirse só dende unha perspectiva cuantitativa senón tamén cualitativa.
Tendo en conta que o ano pasado se conseguiron os mellores datos do turismo xaponés na cidade, cun aumento do 20 % respecto do 2011, e que a conectividade co país asiático é moito mellor grazas a nova conexión con de Turkish Airlines co seu hub de Estambul, Turismo de Santiago reforzará a promoción no país.
Entre o 12 e o 15 de setembro, Santiago estará presente na feira Jata, onde se manterán reunións con axentes do sector, touroperadores, axentes de viaxes, prensa especializada... Posteriormente, na localidade de Tanabe, punto de referencia do Camiño de Kumano co que se ven colaborando dende hai anos, haberá unha presentación co alcalde da cidade dun plan de promoción conxunto dentro da celebración do Ano Dual 2013/2014.
Festival de Cine de San Sebastián
A Santiago de Compostela Film Commission –que promove a cidade a través do audiovisual–, fará unha presentación de Santiago no festival de Cine de San Sebastián, un evento dirixido aos profesionais internacionais que acudan ao certame. O obxectivo é amosar que a cidade é un espazo privilexiado para a gravación de producións internacionais, como The Way ou a película sobre a vida de Paulo Coelho que se estreará o próximo ano.
Isto resposta a intención municipal de revitalizar o servizo, centrado ultimamente en atender peticións sen facer un traballo activo. Nesta estratexia, pese aos recortes nos orzamentos municipais, enmárcanse o estudo da rebaixa nas taxas para rodar na cidade ou a invitación ao presidente da Asociación de Productores de Cine e Televisión da India, Kulmeet Makkar, quen visitou a cidade a comezos de agosto.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)