A directora de Turismo de Galicia presentou o novo libro dos Bolechas sobre o Camiño
fai 11 anos
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, presentou hoxe no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, a nova publicación infantil creada por Pepe Carreiro sobre Os Bolechas.
Nava Castro na presentación da nova aventura dos Bolechas
Nesta ocasión, os personaxes infantís percorren a Ruta xacobea e amosan aos máis cativos a importancia deste camiño de peregrinación para a nosa cultura e tamén os valores que se poden adquirir percorrendo os Camiños de Santiago.
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o novo libro, O Camiño Francés, é “un xeito didáctico e entretido de aprender o verdadeiro significado da peregrinación, o motivo polo que miles de persoas se achegan cada ano a Compostela”.
O libro transmite a través das aventuras de Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, e mais do seu cadelo Chispa, “o importante que é axudarse para conseguir chegar á meta do que nos propoñemos”. Ao tempo, inculca “o respecto pola natureza e polo patrimonio artístico e cultural que posuímos para poder transmitilo ás xeracións vindeiras”.
Divulgación do Camiño Francés
Os debuxos de Pepe Carreiro percorren algúns dos enclaves máis importantes do Camiño Francés e transmite a importancia de prepararse ben antes de acometer un novo reto.
Segundo comentou a directora de Turismo, Nava Castro, a través desta publicación “os rapaces poden descubrir que existe esta aventura e que eles mesmos poden percorrer o Camiño de Santiago”. Nava Castro explicoulles aos nenos que asistiron á presentación da nova publicación infantil os consellos que se deben ter en conta cando se fai o Camiño.
Nova páxina web
A iniciativa inclúe tamén unha páxina web nova www.osbolechas.com/peregrinos que se divide en dúas seccións: xogos e descagas. Os xogos inclúen actividades relacionadas con colorear, de habilidade ou de pregunta-resposta; ademais os cativos poden imprimir un diploma de peregrino cunha foto propia.
No apartado de descargas, os cativos poden imprimir fichas sobre os personaxes ou sobre as etapas dos camiño así como recortables para facer figuras de papel en tres dimensións. Do mesmo xeito, a web contén links ás redes sociais dos Bolechas en Facebook, Twitter e Youtube.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)