Organizan unha viaxe de familiarización no Camiño Portugués para axencias alemás
fai 11 anos
Entre o 6 e 9 de xuño desenvolverase ao longo do Camiño Portugués un fam trip dirixido a axencias e touroperadores alemáns. A viaxe está organizada pola fundación alemá Willy Scharnow-Stiftung en colaboración de Turismo de Galicia a través do Xacoabeo e a Oficina Española de Turismo en Frankfurt.
Abergue de Tui, no Camiño Portugués
Os 12 representantes de axencias de viaxes e touroperadores turísticos procedentes de toda Alemaña percorrerán o Camiño Portugués dende Tui ata Santiago co obxecto de coñecer este destino “in situ” e así podelo vender de xeito máis eficiente no mercado alemán.
Precisamente a Fundación que organiza este fam trip, que pertence á Federación de Axencias Alemá DRV, ten por obxecto a formación profesional continua e a mellora das condicións de traballo e da responsabilidade dos profesionais do turismo, para o que organiza ao longo de cada ano un cento de actividades entre viaxes de familiarización coma este, seminarios ou workshops, ao longo de todo o mundo.
A fundación leva o nome de Willy Scharnow na honra deste persoeiro, finado en 1985, que foi un dos máis importantes pioneiros da industria turística en Alemaña e que xa no ano 1953 estableceu a súa Fundación para o Coñecemento dos Destinos Turísticos para Mozos.
Ruta
As actividades dos viaxeiros comezan o xoves 6 de xuño coa chegada a Tui, onde terán unha breve introdución ao Camiño e realizarán un paseo a pé entre o Parador de Turismo ata a parroquia de San Bartolomeu. Farán noite en Redondela.
O venres 7 de xuño, pararán en Soutomaior e en Pontesampaio cruzarán o río Verdugo e almorzarán en Pontevedra, onde visitarán o casco histórico. Tras ver a igrexa de San Martiño de Agudelo, realizarán unha andaina polo parque natural do río Barosa, en Barro, e seguirán ata Caldas de Reis.
O sábado 8, farán 6 quilómetros entre Caldas e Santa María de Carracedo, almorzarán en Padrón e seguirán ata Santiago onde visitarán á catedral. O último día, domingo 9, continuarán a visita a Compostela e farán un percorrido con degustación de tapas.
O principal mercado exterior
Alemaña ocupa o segundo lugar do ranking de países na emisión de peregrinos, xusto despois dos nacionais. Segundo a Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago, un total de 14.503, o 5,33 % do total, obtiveron a certificación oficial compostela no Ano Santo de 2010, o que sitúa a este país no segundo posto, que xa non abandonou aa a actualidade.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)