O "Códice Calixtino" regresa á catedral de Santiago
fai 12 anos
Un ano despois da súa desaparición, o 5 de xullo de 2011, o "Codex Calixtinus" foi atopado nun rocho da localidade de Milladoiro, moi preto de Santiago. A publicación máis emblemática do Camiño de Santiago volve á catedral compostelá.

Páxinas do "Códice Calixtino"
Un día antes de que se cumprise un ano exacto desde que se coñeceu a noticia do roubo, o Códice Calixtino foi recuperado pola Polícía Nacional nun garaxe que se usaba como rocho en Milladoiro e que pertencía a un electricista que traballara na catedral e que fora despedido tras falsificar un documento laboral.
A pesar diso, o electricista acudía a diario á basílica, onde presuntamente roubou numerosa documentación relacionada cos responsables e relixiosos da catedral, correspondencia privada dos cóengos, chaves de acceso e diversas dependencias e numerosas publicacións e obras de arte do templo. Nos rexistros efectuados nas súas propiedades atopouse mais dun millón de euros en metálico, o que fai supor a importancia do material substraído.
Escrito en latín durante as décadas centrais do século XII, o Codex Calixtinus é o libro referencial do mundo xacobeo e o máis antigo centrado exclusivamente nesta temática. Texto inicial e iniciático, impulsouno a Igrexa compostelá en tempos do arcebispo Diego Gelmírez para afianzar as súas pretensións como sede apostólica e difundir os fundamentos da peregrinación xacobea como experiencia europea.
Está considerado un dos monumentos da cultura continental da Idade Media, unha xoia tan atractiva como emocionante para quen desexe achegarse á materia xacobea, pero tamén para os interesados na dinámica xeral da Idade Media e no devir histórico español e europeo. Ademais afianzou un obxectivo que en Compostela se consideraba fundamental: a confirmación de Santiago como o segundo gran centro da cristiandade logo de Roma.
Autoría e contidos
O volume, de gran extensión, está dividido en cinco libros: unha ampla relación de textos litúrxicos dedicados a Santiago, algún deles con reveladoras achegas para entender a peregrinación; os milagres realizados por Santiago en distintos lugares de Europa; a translación do corpo de Santiago desde Palestina a Galicia e os avatares para depositalo no seu sepulcro definitivo; a chegada a España do emperador franco-alemán Carlomagno para liberar o camiño á tumba apostólica; e a famosa guía do peregrino desde Francia a Santiago. Conclúe cunha serie de composicións musicais en honra ao Apóstolo, algún milagre máis e textos xustificativos da obra.
Dadas as relacións fluídas do papa cluniacense Calixto II (1119-1124) co santuario de Santiago, do que foi o maior benefactor pontificio, a Igrexa compostelá atreveuse a atribuír a obra á man deste pontífice. Buscábanse suculentos dividendos de lexitimación, promoción e prestixio para o culto e a peregrinación xacobea.
Por este motivo, Calixto II figura como autor do primeiro e máis extenso dos cinco libros, da maioría dos milagres do segundo e ata da translación do corpo de Santiago a Galicia. Desta falsa atribución parte o feito de que se difundise como Códice Calixtino. Tamén levou a que algún autor citouno de forma ocasional como Pseudo-Calixtinus ou Pseudo-Calixtino. En realidade non se coñece con certeza o autor ou autores, pero resulta evidente a influencia francesa. De feito, desa orixe é Aymeric Picaud, a quen se atribúe cando menos a redacción do libro V, onde se describe por vez primeira o Camiño de Santiago.
Miniaturas e capitulares
As miniaturas do texto compostelán non alcanzan o número e a calidade das doutros códices medievais, pero achegan información, colorido e fluidez ás páxinas. Son tamén de gran valor artístico a maioría das capitulares, como a inicial do Códice compostelán, que representa ao papa Calixto redactando o libro.
Segundo Díaz y Díaz, na elaboración do Calixtinus participarían, dunha forma ou outra, copistas, poetas, músicos, narradores e fabuladores, "así como teólogos de nota e escritores de raras habilidades, representando, polo menos nos seus produtos finais, o máis selecto do mundo cultivado da península, identificada no Reino de León, así como do norte e centro de Francia, sen descoidar outros diversos países".
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 10 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)