Máis de 2.000 persoas visitaron a mostra sobre a peregrinación que formou parte da Promoción do Camiño de Santiago en Australia
fai 11 anos
Esta fin de semana pechou as súas portas en Melbourne a exposición audiovisual Memoria de peregrinación. Camiño de Santiago, Primeiro Itinerario Cultural Europeo, que xa estivera en Sydney. Entre as dúas cidades pasaron máis de 2.000 visitas.
Nas diferentes actividades que integraron o plan de promoción do Camiño de Santiago no país oceánico colaboraron entre outras institucións o Instituto Cervantes e o Consulado Español de Sydney, a Embaixada Española en Camberra, o Consulado Xeral de España en Melbourne e a Consellería de Educación da Embaixada Española en Australia.
En Sydney, a mostra estivo no Instituto Cervantes onde foi visitada por máis de 1.600 persoas durante tres meses. Segundo o xefe de actividades culturais do Instituto Cervantes de Sidney, José Luis Perales, dado o grande interese que existe en Australia polo Camiño de Santiago moitos dos visitantes mostraron a súa intención de facer o Camiño e incluso un número significativo deles apuntáronse con esa intención aos cursos de español do Instituto.
A exposición acompañouse dunha mostra de libros relacionados cos Camiños doados polo Xacobeo e que tras a clausura pasaron a formar parte dos fondos bibliográficos do Instituto Cervantes. Igualmente, complementouse con outras dúas actividades, como a presentación o 25 de xullo do libro Sinning across Spain. A walker´s journey from Granada to Galicia da escritora australiana Ailsa Piper, ou o ciclo de cine para nenos Contos de nunca acabar organizado conxuntamente coa produtora galega OQO Films.
En Melbourne
Nesta cidade a mostra estivo entre o 18 de outubro e o 15 de novembro en tres salas simultaneamente: no Goethe-Institut Australien, na Alliance Française e no Instituto Italiano di Cultura. Nesa cidade, ademais dos colaboradores citados contouse coa destas institucións culturais e a do Instituto de Cultura Europeo.
Aquí contabilizáronse uns 600 visitantes e ademais de recibirse tamén a visita da escritora Alisa Piper, contouse coa presenza de Rob Jorritsma, un actor que fixo o Camiño dende Holanda e que durante a súa peregrinación non só coñeceu a súa actual muller senón que contactou co director da película Tres no Camiño que o fichou para desempeñar un dos papeis principais deste filme.
Tamén en Melbourne se constatou o extraordinario interese polo Camiño e moitos dos visitantes á exposición pediron información para poder realizalo.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)