A catedral de Santiago cobrará 6 euros desde xaneiro polas visitas guiadas en grupo
fai 12 anos
Haberá horarios establecidos e a entrada incluirá a visita á catedral e ao museo con guias oficiais, recoñecidos pola Xunta, e acreditados pola Catedral.
O Cabildo da Catedral de Santiago anunciou que a partir de xaneiro as visitas guiadas en grupo deixarán de ter acceso libre. A partir de entón estarán reguladas e terán un custo de ata seis euros.
As rutas incluirán tanto o interior da basílica como o museo, un recinto polo que xa se cobraba. A diferenza é para os grupos que desexen facer a visita guiada ao templo compostelán, non para os que o fagan libremente. Con esta medida a Igrexa busca tanto o retorno económico como unha mellor organización, xa que, segundo o cabildo, a inexistencia de horarios e límite de persoas nos grupos guiados provocaba “aglomeracións en puntos sensibles”.
Para evitar isto, elaborouse un conxunto de normas que permitan a ordenación e regulamentación das visitas. En cada grupo poderán entrar un máximo de 30 persoas e o horario irá de luns a venres, de 7.00 a 8.30 h e de 12.45 a 19.00 h; os sábados, de 7.00 a 8.30 h e de 12.45 a 17.30 h; e os domingos, de 7.00 a 8.30 e de 13.45 a 18.30 h. Os percorridos serán guiados e realizaranse por guías oficiais de turismo de Galicia acreditados pola Catedral.
Ademais de marcar o percorrido, os visitantes levarán un sistema de auriculares, que facilitará o propio templo e que vai incluído no prezo, xunto co uso doutras instalacións como a consigna. Haberá tamén unha tarifa reducida de 4 euros para grupos escolares e universitarios con guía, previa reserva e acompañados dun profesor.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 10 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)