Santiago promociónase en Londres
fai 11 anos
Turismo de Santiago promocionará a cidade na World Travel Market, que terá lugar entre o 5 e o 8 de novembro. Reino Unido foi o noveno país en número de peregrinos o pasado ano, con máis de 2.300 que selaron a súa compostela na Oficina do Peregrino.
Turistas na praza da Inmaculada
Turismo de Santiago promocionará a cidade na World Travel Market, a feira turística máis importante do mercado británico e na que participan máis de 45.000 profesionais do sector, con máis de 2.500 xornalistas internacionais rexistrados. Turismo de Santiago ten xa pechadas múltiples reunións con axencias e touroperadores que amosaron o seu interese na cidade a través da plataforma privada da propia feira.
O Reino Unido é un mercado prioritario para a cidade, aínda que nos últimos anos viviu un claro retroceso nas pernoctacións. Tras as 45.000 de 2007 o número foi descendendo dun modo moi importante, contraéndose máis da metade. Así, tanto en 2010 coma en 2011 houbo menos de 20.000, ocupando o sexto posto por volume de pernoctacións na cidade tras Alemaña, Italia, Portugal, Francia e Estados Unidos.
Mercado potencial
Reino Unido é un mercado importante para a cidade, tanto polos propios datos obtidos en anos pasados, como porque é o principal mercado emisor de turistas a España. Por iso Turismo de Santiago ten coma obxectivo recuperar o volume de pernoctacións logrado hai uns anos. A participación tanto na World Travel Market agora en novembro, como a presenza na City Fair de Londres en xuño, diríxense cada este obxectivo.
Por outra banda tamén se pretenden mellorar as cifras de peregrinos chegados da illa británica, que o ano pasado representaron o 1,3 % do total, con 2.389 peregrinos que selaron a súa compostela. Esta nacionalidade ocupa actualmente o noveno lugar en número de visitantes, moi por detrás de Alemaña ou Estados Unidos.
Así, para lograr aumentar os visitantes, desenvolveranse outras medidas como a promoción da ruta Santiago-Londres, que actualmente opera Ryanair e que a partires de xuño tamén operará Easyjet. Esta é a ruta internacional máis importante de Lavacolla e este ano creceu fronte ao 2011, xa que nos nove primeiros meses sumou 49.295 pasaxeiros fronte aos 52.197 de todo o ano pasado.
Pese ás boas cifras, esta ruta ten un potencial de crecemento moi importante, como demostra o feito de que chegase a mover máis de 150.000 pasaxeiros en 2005, cando estiveron operativas dúas conexións con Londres, unha a través de Iberia –con 76.684 pasaxeiros–, e outra a través de Ryanair –que sumou 81.683–.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)