Estréase o filme “O Apóstolo” ambientado no Camiño de Santiago
fai 11 anos
O Salón Teatro de Santiago acolle ás 21.00 h, a preestrea galega d´O Apóstolo, primeira película europea de animación stop motion desenvolvida en 3D estereoscópico. O filme, dirixido por Gonzalo Cortizo, chega mañá ás salas de cinema españolas.
O filme estréase esta notiña no Salón Teatro de Santiago
A elección do 31 de outubro como data da estrea comercial d´O Apóstolo ten que ver coa relación existente entre a temática escura da fita e o día de Defuntos. O protagonista, un preso fuxido do cárcere, verase envolto en estraños e inquietantes sucesos ao intentar recuperar un botín que fora escondido anos atrás nunha apartada aldea do Camiño de Santiago. Anciáns sinistros, estrañas desaparicións, un peculiar sacerdote e ata o arcipreste de Compostela conflúen nunha trama chea de intrigas.
A longametraxe, que mestura suspense, humor e fantasía, é pioneira no sistema de rodaxe. Os actores da versión española –Jorge Sanz, Geraldine Chaplin, Paul Naschy, Carlos Blanco, “Pico”, Luis Tosar, Manuel Manquiña, Celso Bugallo, Isabel Blanco e Pedro Alonso, entre outros– non só cederon a súa voz aos monecos senón que interpretaron previamente todas as escenas, de xeito que os seus xestos e expresións reais serviron de inspiración aos animadores.
Esta técnica, nunca antes aplicada á animación stop motion, concédelle un maior realismo á historia, favorecendo que desde o mesmo inicio do filme o espectador esqueza que os protagonistas son monecos e se centre exclusivamente na trama e na ambientación.
Proxecto artesanal e música da Real Filharmonía de Galicia
Outra das principais características do proxecto é o seu desenvolvemento artesanal, de factura moi lenta, de xeito que o filme é o resultado de cinco anos de traballo coa implicación de máis de 200 profesionais, entre os que destacan técnicos especialistas na captura desta modalidade de 3D e modelmakers procedentes de diferentes países.
A banda sonora é obra do prestixioso compositor norteamericano Philip Glass, xunto con Xavier Font e Arturo Vaquero, e está interpretada pola Real Filharmonía de Galicia, o Coro Capela Compostelana e o músico Anxo Pintos, de Berrogüetto, ao saxofón.
Para a posta en marcha do proxecto, a produtora galega contou coa achega de máis de 600 persoas que se converteron en valedores da iniciativa a través do sistema de crowdfunding. Ademais o filme contou co apoio da Xunta de Galicia a través das axudas públicas a producións audiovisuais galegas.
Percorrido por festivais internacionais e estrea en EE. UU.
O Apóstolo chega aos cines precedida da boa acollida no seu paso polos festivais internacionais de Moscova, Málaga e Sitges. Artefacto Produccións ultima a versión estadounidense da longametraxe, para a que xa estableceu contactos cos actores Gary Oldman, Jeff Goodman e Martin Landau para poñerlles voz a tres dos personaxes protagonistas.
Ademais, está previsto que o cantante británico Roger Daltrey, líder e vocalista da mítica banda The Who, interprete o tema principal na banda sonora na súa distribución en Estados Unidos.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)