Inaugúrase a mostra que conmemora o XXV aniversario da declaración do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo
fai 11 anos
O conselleiro de Cultura e Educación en funcións visitou hoxe a exposición que representa “un dos meirandes esforzos contemporáneos de encontro do xénero humano e un berce para o diálogo.” A mostra está no Museo das Peregrinacións que vén de recibir o selo turístico distintivo de “Recomendación en Tripadvisor”
A exposición pódese ver no Museo das Peregrinacións ata final de ano
O conselleiro de Cultura en funcións, Xesús Vázquez, inaugurou a mostra Memoria de peregrinación, Camiño de Santiago, Primeiro Itinerario Cultural Europeo, con motivo do XXV aniversario da súa declaración como tal. Vázquez asegurou que “é preciso” celebrar esa data histórica “que afonda no mellor dos pobos e das persoas, na súa cultura e na capacidade para o encontro [...] nun plano de dinámica igualdade e concordia”. Sobre a exposición sinalou que “é unha demostración máis de que os Camiños de Santiago irrigan Europa coma auténticos ríos de persoas, de humanidade, de ideas e de cooperación”.
Ao acto asistiron ademais, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Xosé Paz; o alcalde de Santiago, Ángel Currás; o canciller secretario do Arcebispado de Santiago, Elisardo Temperán, e a xerente do Consorcio de Santiago, María Antón.
Contido da mostra
Memoria de peregrinación é unha mostra audiovisual realizada por Manuel Valcárcel e Alexandro González sobre o Camiño, desde Europa central ata Compostela, na que se destacan as rutas, paisaxes históricas e lugares da memoria común europea ligados ás peregrinacións xacobeas.
A exposición está composta por 53 imaxes e unha proxección audiovisual de 15 minutos, que se percorren o Camiño por terras de Hungría, Eslovenia, República Checa, Croacia, Eslovaquia, norte de Italia, sur de Francia e España. Poderá visitarse ata o 27 de decembro no Museo das Peregrinacións, un espazo cultural que vén de recibir o selo Recomendación en Tripadvisor –visible xa na entrada ao recinto–. Cómpre destacar que este recoñecemento é concedido aos establecementos e espazos que reciben boas críticas na citada páxina web.
Comité de expertos
Os actos de celebración do 25 aniversario continúan esta tarde coa mesa redonda “Os camiños de Santiago en España e Europa 25 anos despois da declaración de Saint Jacques”, na que interveñen os membros do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago. Estarán o fundador e presidente da Asociación italiana de amigos do Camiño, Paolo Caucci von Saucken; a presidenta da asociación máis antiga de Francia, Adeline Rucquoi; o investigador Robert Plötz, e o catedrático da USC, Fernando López Alsina, que dirixe –xunto ao profesor Klaus Herbers– o proxecto de investigación sobre a documentación papal relacionado con Santiago.
Ao remate deste relatorio proxectarase o filme Chemin de Compostelle [Camiño de Santiago], rodada en 1952 pola Societé dês Amis de Saint Jacques de Compostelle. Pola noite realizarase un pase gratuíto no Salón Teatro da película The Way, protagonizada por Martin Sheen e dirixida por Emilio Estévez.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)