Santiago celebra o 25 aniversario da Declaración do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo con varios actos
fai 11 anos
O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou as acdtividades, que inclúen un acto institucional, a visita a unha mostra sobre o Camiño, unha conferencia e un concerto.
O alcalde de Santiago presentou os actos conmemorativos
O rexedor considerou aquela declaración do ano 1987 –xunto coa declaración como Patrimonio da Humanidade en 1985 ou a elección como Cidade da Cultura para o ano 2000–, un momento “decisivo na historia da cidade, como xeradora dun novo destino cultural” e “potenciadora de equipamentos e infraestruturas”. O alcalde valorou tamén o seu "efecto turístico" e formulou como obxectivo futuro "a maior defensa e a maior protección dos Camiños".
O alcalde tamén lembrou que hoxe, martes, e mañá, mércores, ten lugar no Hotel Monumento San Francisco o Encontro Nacional de Xestores do Patrimonio Mundial, un evento solicitado polo propio Currás ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte como parte dos actos para conmemorar a Declaración.
Estas xornadas de debate e análise teñen como fío condutor o tema “Patrimonio Mundial e desenvolvemento sustentable: o papel das comunidades locais" e celebrarán tamén o 40º aniversario da Convención de Patrimonio Mundial.
Programa de actos do mércores
O programa de actos para o 24 de outubro comezará cun percorrido simbólico dende a Porta do Camiño ata a praza do Obradoiro a través do Camiño Francés. Na praza celebrarase o acto conmemorativo do XXV aniversario coa intervención, ademais do alcalde, do secretario xeral do Consello de Europa, Thorbjern Jagland, e do presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo. Tras os discursos, izarase a bandeira de Europa e a Banda Municipal de Música interpretará o himno de Europa. Finalmente, e antes da foto oficial, os nenos e nenas do colexio López Ferreiro farán unha solta de pombas.
Tras este acto a comitiva desprazarase ata o Museo das Peregrinacións e de Santiago para visitar a exposición Memoria de Peregrinación: Camiño de Santiago, Primeiro Itinerario Cultural Europeo. O alcalde lembrou que os días 23 e 24 serán xornadas de portas abertas neste Museo para que calquera poida visitar a exposición.
Xa ás 18.00 h, no Hostal dos Reis Católicos, haberá unha conferencia de Marcelino Oreja, quen fora secretario xeral do Consello de Europa no momento da Declaración. Tamén intervirán Ángel Currás, Thorbjorn Jagland e quen naquel momento era o alcalde compostelán, Xerardo Estévez.
Os actos da xornada pecharanse cun concerto no Auditorio de Galicia a partir das 21.00 h. Paul Daniel dirixirá a Real Filharmonía de Galicia, co acompañamento ao piano de Josu de Solaun nun programa escollido para esta ocasión no estarán os temas Pilgrims, de N. Rorem; Concerto para piano e orquestra en La menor, op.85, de J.N. Humel; Apertura de Te Deum, de M.A. Charpentier; e Concerto para dobre orquestra de corda, de M. Tippett.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)