Santiago será en 2014 a sede dun Congreso Internacional de Peregrinacións no Mundo
fai 11 anos
O xerente do Xacobeo, José Paz, e o secretario xeral da Organización Mundial do Turismo, Taleb Rifai, reuníronse en Armenia no marco da Conferencia Internacional Valores Universais e Diversidade Cultural no século XXI e anunciaron a celebración en 2014 en Santiago dun gran congreso internacional sobre Peregrinacións no Mundo.
José Paz, xerente do Xacobeo
Esta semana arrincan os preparativos deste evento coa constitución de dous grupos de traballo, un formado por técnicos da Secretaría Xeral para o Turismo e do Xacobeo, e outro conformado por técnicos da OMT. Ambos coorganizarán o evento que reunirá en Compostela a expertos mundiais no fenómeno das peregrinacións.
O fin deste encontro é analizar o fenómeno das peregrinacións no mundo dende a óptica cultural, económica, turística, relixiosa, ética ou histórica. O congreso internacional converterá a Santiago no centro mundial do estudo da peregrinación nas diversas culturas do planeta.
Modelo de aproveitamento turístico do Camiño de Santiago
Na Conferencia Internacional Valores Universais e Diversidade Cultural no século XXI: estiveron presentes delegacións de máis de 20 países, e nas diferentes reunións mantidas polo responsable do Xacobeo participou tamén Isabel Garaña, directora rexional para Europa da Organización Mundial do Turismo.
José Paz interveu o xoves dentro do panel sobre “Turismo Relixioso e Diálogo Intercultural”, no que pronunciou un relatorio sobre o aproveitamento turístico do Camiño de Santiago.
No encontro Paz expuxo a súa experiencia no eido do desenvolvemento turístico vinculado á Ruta Xacobea. O obxectivo da Organización Mundial do Turismo coa celebración desta conferencia é impulsar o posicionamento estratéxico dos países convidados ao encontro para reforzar a cooperación en Europa de cara a incrementar a competitividade turística.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)