O Xacobeo participa en Montreal na Feira de Turismo International “Tourisme voyages” e abre unha mostra sobre o Camiño en Melbourne
fai 11 anos
A Secretaría Xeral para o Turismo, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, participa dende hoxe ata o domingo na 24 edición da feira-salón de turismo internacional Tourisme Voyages de Montreal.
Imaxe da mostra que hoxe se inaugura en Melbourne
O Xacobeo acude cun mostrador específico dentro do stand de Turespaña onde ademais de proporcionar os Camiños de Santiago se ofrecerá material informativo de Galicia como destino turístico.
É o cuarto ano consecutivo que os técnicos do Xacobeo acoden a esta feira, dirixida aos profesionais do turismo e ao público en xeral. A presenza de eventos promocionais do Camiño de Santiago no país norteamericano ten producido un incremento constante dos peregrinos procedentes de Canadá, particularmente da súa parte francófona.
Mentres que no Ano Santo de 2010 Canadá ocupou o duodécimo lugar do ranking con 1.877 peregrinos que obtiveron compostela e supuxeron un 0,89 % do total, no pasado ano 2011 a cifra de peregrinos canadianos ascendeu á décima posición, rexistrando 2.362 camiñantes, un 1,29 % do total.
Espérase que durante esta fin de semana visiten a feira 35.000 visitantes, o 97 % dos cales acoden co propósito de realizar unha viaxe no seguinte ano e o 44 % contrata a viaxe durante a mostra.
Exposición sobre o Primeiro Itinerario Cultural Europeo en Australia
Tras permanecer durante todo o verán na cidade australiana de Sydney, onde acadou gran éxito de público, a mostra do Xacobeo Memoria de Peregrinación. Camiño de Santiago, Primeiro Itinerario Cultural Europeo itinera á cidade de Melbourne, onde poderá visitarse dende hoxe no Goethe-Institut Australien.
A Alliance Française, o Instituto Italiano di Cultura, o Instituto de Cultura Europeo, a Embaixada de España en Australia, o Consulado Xeral de España en Melbourne e a Consellería de Educación da Embaixada Española en Australia, así como o instituto cuxa sede acolle a exposición colaboran co Xacobeo neste proxecto expositivo composto por un audiovisual e 52 fotografías dos artistas monfortinos Manuel Valcárcel e Alexandre González. O ano pasado a mostra xa estivo nas cidades de Bucarest, Sofía, Zagreb, Santiago e París.
O plan de promoción do Xacobeo en Australia trata de responder ao enorme interese que as peregrinacións xacobeas espertan nese país. O Ano Santo 2010 percorreron o Camiño de Santiago 1.191 peregrinos australianos e o ano pasado a cifra xa ascendeu a 1.352, fronte aos 480 rexistrados no Ano Santo 2004.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)