PublicidadeTurismo de Santiago
logo_menu

PROXECTO ACTUALIDADE PLANO

O Xacobeo celebra con varios actos os 25 anos da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo

fai 11 anos

O 23 de outubro de 1987 o Consello de Europa declarou ao Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, polo que o vindeiro luns cúmprense 25 anos dese honroso distintivo. Unha placa de granito colocada no centro da praza do Obradoiro lembra este histórico momento.

O xerente do Xacobeo, José Paz, presentou hoxe os actos conmemorativos

A declaración viña motivada pola consideración da Ruta Xacobea como “un dos grandes espazos da memoria colectiva intercontinental” e propoñía “a súa revitalización como base e exemplo para accións futuras en atención ao seu carácter altamente simbólico no proceso de construción europea”.

O xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, José Paz Gestoso, avanzou hoxe os actos que con motivo desta efeméride se celebrarán o vindeiro día 23 en Santiago, previos á conmemoración oficial que organiza o Concello de Santiago. Así, o Xacobeo organiza tres eventos para resaltar as vodas de prata do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Por un lado, o Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá a exposición Memoria de Peregrinación. Camiño de Santiago Primeiro Itinerario Cultural Europeo, comisariada por Francisco Singul. Trátase dunha mostra audiovisual sobre o Camiño de Santiago, dende Europa Central a Compostela, que aporta unha visión artística da ruta dende unha óptica contemporánea e que percorre Hungría, Eslovenia, a República Checa, Croacia, Eslovaquia, o Norte de Italia, o Sur de Francia e a España do Camiño Francés. Esta mostra ten itinerado por diversas cidades de Europa e tamén por cidades australianas e conta con 53 fotografías a cor e un audiovisual de 15 minutos de duración. Permanecerá no museo ata o 27 de decembro.

Doutra parte, organizarase unha mesa redonda no Hostal dos Reis Católicos baixo o título “Os Camiños de Santiago en España e Europa 25 anos despois da Declaración de Saint Jacques”, moderada polo xerente do Xacobeo, José Paz. Contará coa presenza dos profesores e membros do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago Paolo Caucci von Saucken, Robert Plötz, Adeline Rucquoi e Fernando López Alsina. A inscrición para participar neste evento pode facerse a través do correo electrónico promocion.cultural@xacobeo.org e mais no teléfono 981 56 40 49. A entrada cubrirase por orde de inscrición ata completar as prazas.

Chemin de Compostelle

 

Tras a mesa redonda proxectarase un filme inédito titulado Chemin de Compostelle, rodado en 1952 por Denys de la Patellière, cando era conselleiro histórico e un dos protagonistas René de La Coste-Messelière, un dos fundadores da Société Française des Amis de Saint Jacques de Compostelle e o seu presidente durante máis de 40 anos. O filme segue a guía do peregrino do Códice Calixtino e trátase da primeira película rodada sobre o Camiño que enfatiza a súa dimensión histórica e espiritual, ademais de constituír unha testemuña de como eran as rexións atravesadas hai sesenta anos.

O Comité Internacional de Expertos reunirase tamén con Penelope Denu, a directora do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais que visitará Santiago con motivo desta celebración e que é a responsable do cumprimento da normativa europea nas rutas culturais.

Proxección gratuíta de The Way

Por último, o Salón Teatro acollerá ese mesmo día un pase gratuíto do filme de Martin Sheen que acadou un gran éxito de público e de crítica e que volverá a proxectarse en Compostela despois da súa estrea no Ano Santo 2010. A entrada é gratuíta e as 220 localidades poñeranse a disposición do público ata completar aforo dúas horas antes na billetería do Salón Teatro –ata dez minutos antes da proxección–; tamén poden reservarse previamente no correo electrónico promocion.cultural@xacobeo.org e mais no teléfono 981 56 40 49 e recollerse igualmente na billetería. Entregarase un máximo de dúas entradas por persoa.

Ver todas as novas

A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado

fai 9 anos

Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)

Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña

fai 9 anos

Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)

PublicidadeMuseo das peregrinacions

PublicidadeHotel Balneario Compostela
PublicidadeAC Palacio del Carmen, Autograph Collection Hotels