San Martiño Pinario acolle desde hoxe a exposición “As compostelas en Compostela”
fai 11 anos
A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo inaugurou hoxe a mostra As compostelas en Compostela que se pode visitar na sala de exposicións da Hospedaría de San Martiño Pinario, en Santiago.
A exposición exhibe a historia da compostela desde 1733 a 1993
Esta exposición, cuxo autor é o escritor Fernando Lalanda e que está comisariada por Mario Clavell, está organizada pola Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago e mais pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Madrid. A mostra recolle a historia e evolución da compostela, o certificado das peregrinacións a Santiago, xunto con outros documentos xacobeos do período de 1733 a 1993.
Fernando Lalanda, escritor e peregrino dende 1976, é autor de diversos libros de temática xacobea, tales como El juego de la oca en el Camino de Santiago, El boom del Camino en sus años oscuros, 1961-1969, ¿Sois peregrinos?, 1976 un Camino en la Transición ou Madrid a los pies de Santiago.
Co nome de ´compostela´ coñécese o diploma que se entrega aos peregrinos que chegan a Santiago con sentido cristián e acreditan esa condición tras percorrer un mínimo de cen quilómetros a pé ou a cabalo, ou douscentos en bicicleta. Este documento é a evolución dos antigos certificados chamados de Confesión e Comunión e a súa crecente popularidade vai parella ao auxe dos Camiños.
A exposición
A exposición exhibe a historia e transformación do certificado dende 1733 a 1993, ata chegar aos catro modelos que actualmente expide a Catedral compostelá. A mostra complétase con documentos que outras institucións outorgan ao peregrino, tales como os diversos diplomas de final de peregrinación que a imitación da compostela emiten outros centros de peregrinación cristiá, ou os diplomas que a modo de recordo recollen os peregrinos ao seu paso polos lugares por onde pasa o Camiño de Santiago. Todos estes documentos expostos amósanse detalladamente nun catálogo.
Así mesmo, os visitantes poderán solicitar un documento nominal que acredite a súa visita á exposición realizado expresamente por Mariano de Souza, chamado “o pintor do Camiño”.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)