Preséntase o catálogo da exposición de debuxos sobre Santiago que se pode ver no Museo das Peregrinacións
fai 12 anos
A Xunta de Galicia presenta o catálogo da exposición Por fin Santiago!, un volume que recolle os 40 debuxos que conforman esta mostra do artista Alfredo González e que pode verse actualmente no Museo das Peregrinacións e de Santiago.
A exposición pode verse estes días no museo compostelán
Na presentación da publicación participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, José Paz; o autor dos debuxos, Alfredo González; o director do museo, Bieito Pérez, e o escritor Luís González Tosar, que redactou os textos poéticos que acompañan as ilustracións no catálogo.
O conxunto histórico da capital galega é o obxecto de inspiración artística dos debuxos da exposición Por fin Santiago! que, segundo afirmou Anxo Lorenzo, descobren múltiples e singulares espazos da capital de Galicia a través da mirada artística de Alfredo González. A reportaxe gráfica enriquécese no catálogo cos textos poéticos de González Tosar, quen definiu o seu traballo como o dun “pequeno cronista do labor que fai Alfredo no seu percorrido por Compostela”.
Fonte de inspiración artística
O director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo referiuse tamén ao “poder para a convocatoria artística da capital de Galicia” e incidiu na “visión de Santiago” que transmiten os debuxos de Alfredo González, que evocan “unha cidade universal, meta dos camiños de Santiago”. Así mesmo, destacou o interese do Xacobeo por continuar colaborando cos traballos expositivos e de investigación levados a cabo polo Museo das Peregrinacións e de Santiago.
Na exposición Por fin Santiago! Alfredo González amosa a súa particular visión sobre os monumentos, os espazos públicos e tamén a xente que habita as prazas e as rúas da capital de Galicia. O artista realizou este traballo o pasado mes de abril, durante o cal percorreu a cidade compostelá captando distintos aspectos da cidade, entre eles a súa vertente máis xacobea.
O resultado son os 40 debuxos que conforman a exposición e que, en palabras do autor, constitúen “un resumo das súas andainas en Santiago”. A publicación do catálogo desta mostra completarun proxecto expositivo que se iniciou en 2009 coa exposición Alfredo debuxa o Camiño, que tamén acolleu o Museo das Peregrinacións e de Santiago.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)