Un compostelán en vinte minutos
fai 12 anos
Ata o mes de novembro poderase ver a última das seis exposicións organizadas con motivo do centenario do nacemento de Eugenio Granell.
A mostra, que amplía a perspectiva sobre o artista, está formada por seis obras cinematográficas, ademais doutros documentos gráficos, gravacións domésticas e libros.
Foron moitos os artistas que, procedentes do campo da pintura, mantiveron unha estreita relación co celuloide ao longo da súa carreira (Man Ray, Viking Eggeling, Walter Ruttmann, Marcel Duchamp...). Case todos pertencentes aos movementos dadaísta e surrealista, experimentaron coas posibilidades da cinematografía nunha época na que unha situación global caracterizada por grandes fracturas no ámbito do pensamento e a creación propiciou a disolución dos límites interdisciplinares.
Por iso non estraña que un artista como Eugenio Granell, cuxa traxectoria vital influíu tan directamente na súa produción, se sentise atraído e fascinado pola imaxe, tanto na súa vertente fotográfica como cinematográfica. Os seus experimentos no terreo da imaxe en movemento forman parte dunha faceta practicamente descoñecida ata agora salvo para investigadores e interesados na materia.
A divulgación das súas películas entre o público é un acontecemento recente que se viu favorecido polo auxe das novas tecnoloxías e polo feito de que estas comezasen a circular en mostras ligadas a importantes proxectos de investigación sobre o seu legado.
Películas, documentos e obxectos para coñecer ao autor
Ademais da filmografía completa do artista, que consta de tres películas experimentais –Inverno (1960), Choiva (1961) e Debuxo (1961)– e tres obras de cine surrealista –Trompos (1961), Middlebury (1962) e Película feita en casa con pelota e boneca (1962)–, na exposición móstranse documentos e obxectos persoais que forman parte do universo creativo de Granell. Algúns deles foron utilizados directamente no proceso de creación dos films, outros forman parte das diferentes coleccións que o artista reuniu ao longo da súa vida e funcionan como catalizadores que facilitan o entendemento da súa proposta.
A exposición Eugenio Granell e o cine: unha película de vinte minutos está enmarcada no proxecto de conmemoración do centenario do nacemento de Eugenio Granell, organizado pola Fundación Granell en colaboración coa Fundación Cidade da Cultura, Museo do Pobo Galego, Auditorio de Galicia, Centro Cultural Novacaixagalicia e Centro Galego de Arte Contemporánea.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 10 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)