Galicia estará presente en Fitur coa marca “Galicia, el buen camino”
fai 10 anos
A vindeira semana terá lugar en Madrid a 34 edición da Feira Internacional de Turismo, Fitur, un dos certames turísticos de maior repercusión mundial.
Fitur funciona como unha importante plataforma para dar a coñecer destinos, produtos, marcas e servizos turísticos, tanto aos profesionais do sector como ao público interesado en converterse en usuario turístico.
Por iso Turismo de Galicia estará presente de novo cun stand situado no Pavillón 9 que conta cunha superficie de 967 metros cadrados. O obxectivo é posicionar a marca do Turismo galego, “Galicia, el buen camino” e dar a coñecer os destinos, produtos e recursos galegos que compoñen a oferta turística da nosa comunidade.
A directora de Turismo, Nava Castro explicou que a estética do stand caracterízase polas liñas suaves, as cores claras, os espazos abertos para transmitir unha atmosfera cálida e acolledora. Utilízanse materiais naturais, como a madeira, e procúrase a maridaxe perfecta de vangarda e tradición. As imaxes relativas aos recursos turísticos intégranse no deseño a modo de scrapbooking, que é unha técnica para personalizar álbums con fotografías, recortes e siluetas para crear unha composición de recordos mediante imaxes.
O stand conta cos seguintes módulos expositivos: Galicia; establecementos con Q de Calidade Turística;as catro provincias galegas; o turismo de cidade; o Camiño de Santiago e o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e mais experiencias turísticas en Galicia.
Ademais contará cun salón de actos no que se celebrarán 25 eventos dirixidos a profesionais do sector turísticos e aos medios de comunicación durante os tres primeiros días da feira nos que as xornadas están limitadas exclusivamente a profesionais. Haberá presentacións de recursos, produtos e destinos turísticos da nosa comunidade.
Programación no stand de Galicia
Turismo de Galicia participará tamén no Workshops Hosted Buyers, un evento para establecer contactos con operadores turísticos internacionais de especial interese para Galicia. O público que se achegue a fin de semana poderá participar na IV Gymkhana Viaxeira, un xogo de pistas para descubrir produtos ou recursos galegos. O programa Fitur Escapadas ofrecerá promocións con prezos especiais de produtos turísticos ou escapadas a Galicia e tamén haberá Show Cooking de cociña galega, a cargo dun restaurador do Grupo Nove. Todo iso amenizado coa música de instrumentos tradicionais galegos.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)