O Santiago Oculto dos Peregrinos ao descuberto
fai 12 anos
O profesor e xornalista Manuel F. Rodríguez presentou nun ateigado Hostal dos Reis Católicos O Santiago Oculto dos Peregrinos. Iacobus Absconditus Peregrinorum, un novo proxecto posto en marcha desde a propia cidade de Compostela para promocionar e divulgar a “pegada xacobea da capital galega”.
No acto de presentación participou o alcalde de Santiago, Ángel Currás, quen destacou a importancia cultural e turística do proxecto. Destacou a idea de “pegada” que percorre todo o proxecto porque a pegada xacobea é o “recoñecemento das pegadas de milleiros de peregrinos”, e que o itinerario proposto no plano e “un traxecto no espacio pero tamén no tempo”. O rexedor subliñou a implicación colectiva de institucións, asociacións, entidades e empresas, que revaloriza aínda máis o proxecto e abre unha senda de colaboración esencial para o desenvolvemento deste tipo de iniciativas. “Santiago é unha inventio, un descubremento, e hai posibilidade para mil inventios máis”.
En representación de todas esas entidades participaron os presidentes da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e da Asociación de Hostalería de Santiago, Jesús Sordo, quen agradeceu a invitación a participar neste proxecto “que reúne cultura e turismo, dúas das características máis salientables desta cidade e esenciais para relanzar as visitas e a ocupación”. O responsable da área de restauración da Asociación asegurou que o difícil momento actual obriga a todos a “doblar os esforzos para lograr saír adiante” e recordou que Santiago conta para iso “cunha axuda de excepción como é o Camiño de Santiago que, pese á crise, continúa dando moitas satisfaccións”. Por iso os Hostaleiros composteláns apoian “iniciativas coma esta do Santiago Oculto dos Peregrinos que abren unha nova porta ao futuro de Santiago e de todos os que vivimos e amamos esta cidade”, asegurou Jesús Sordo.
En representación da Igrexa estivo o deán da catedral de Santiago, D. José María Díaz, quen subliñou o importantísimo papel que vén xogando o Camiño desde fai xa doce séculos non só para Santiago senón para toda España e Europa. Asegurou que “nunca un santo se comprometeu tanto con seu pobo”, ata o punto de que Santiago é coñecida como a cidade do Apóstolo, e recordou que “normalmente constrúese unha catedral para unha cidade, pero aquí fíxose unha cidade para unha catedral, a basílica foi a orixe de Compostela”.
Non esqueceu unha referencia á “alegría” de poder celebrar estas festas do Apóstolo co Códice Calixtino de novo na catedral, aínda que asegurou que “o libro podía queimarse, pero as palabras sairían voando” en referencia a que a mensaxe do Códice nunca se perderá porque trascendeu as páxinas impresas.
Santiago desde unha nova perspectiva
O coordinador do proxecto, o profesor e xornalista Manuel F. Rodríguez, explicou que levaba anos recompilando toda a información agora presentada posto que “pese á enorme e incuestionable relevancia da pegada xacobea en todos os ámbitos da cidade, nunca antes se mostrara Santiago desde esta perspectiva”. De aí o carácter “pioneiro do proxecto que sorprenderá tanto a visitantes como aos propios composteláns, que descubrirán moitos aspectos descoñecidos da súa cidade”.
Pero ademais da súa importancia histórica e cultural, este proxecto servirá para atraer novos turistas e peregrinos “no ciclo máis longo entre dous anos santos e os seus correspondentes Xacobeos”. A próxima cita non terá lugar ata o 2021, o que supón unha temida desaceleración nunha actividade que nos últimos anos alcanzou a súa etapa de maior esplendor. E por iso foron moitos os organismos, institucións e ata empresas compostelás que se quixeron sumar a este proxecto que, segundo o seu coordinador, ofrece “un bo pretexto para visitar Santiago a quen non a coñece e para volver a quen xa estivo aquí, posto que poderá mirala doutro xeito tras coñecer moitas das historias que se esconden en cada recuncho desta urbe”.
Proxecto multidisciplinar
O Santiago Oculto dos Peregrinos é un proxecto turístico e cultural que se desenvolve a través de diversos medios impresos e dixitais. Entre os primeiros destaca a publicación La catedral de Santiago para peregrinos. Guía secreta, “unha guía do que non sae nas guías”, sinalou o seu autor, Manuel F. Rodríguez. Nela recórdanse as palabras do peregrino Angelo G. Roncalli (que se convertiría no papa Xoán XXIII) cando chegou a Compostela en 1954: “A catedral de Santiago é a catedral do mundo”. Impresionado, aludía á universalidade desta basílica, meta da peregrinación histórica máis intensa e aberta.
En 2011 celebráronse os 800 anos da consagración deste templo único, construído para recibir aos peregrinos que chegaban de toda Europa tras padecementos e múltiples dificultades, grazas a unha vontade inquebrantable. Esta guía é “a primeira que viaxa polo devir histórico desta catedral con este contido esencial, moitas veces oculto, que deu lugar, precisamente, á propia basílica”.
Ao longo da publicación sitúanse e explícanse os espazos máis ligados ao feito xacobeo desde o punto de vista histórico e cultural. Numerosas anécdotas, así como un notable apartado gráfico, converten a guía nunha amena lectura á vez que un interesante manual sobre os aspectos máis descoñecidos dunha das obras arquitectónicas máis relevantes da historia.
A guía complétase cun plano editado en tres idiomas –castelán, galego e inglés– onde se sinalan e explican brevemente os lugares xacobeos máis significativos da catedral e da propia cidade, un proxecto que se completará coa sinalización mediante placas situadas nos lugares físicos referidos no plano que incluirá un código QR, unha especie de código de barras que é lido a través de teléfono móbil e leva directamente á información que aparece na web sobre ese lugar.
Unha web aberta á participación
Como non podía ser doutro xeito na era dixital, o proxecto ten o seu reflexo na Rede a través da web www.santiagooculto.com. Trátase dun website 2.0 que, ademais de incluir todas as novidades e noticias de interese relacionadas co Camiño de Santiago e a propia cidade de Compostela, recolle o plano cos principais puntos de interese xacobeo de Santiago.
Ademais o itinerario, que pode facerse libremente ou cunha ruta guiada que percorre 35 puntos significativos da cidade, está dispoñible nunha aplicación para teléfonos móbiles que se pode descargar en dispositivos android ou iPhone de modo que se pode consultar o plano no teléfono sen necesidade de conexión a internet.
Unha das principais novidades é que en cada un deses puntos de interese permítese a interacción e as achegas dos usuarios, de modo que poidan contribuír a mellorar e ampliar os contidos e manter a páxina totalmente actualizada. Calquera persoa pode deixar os seus comentarios ou subir as súas propias fotos á web, e mesmo se poderán establecer diálogos entre os usuarios.
Dispoñible en tres idiomas, castelán, galego e inglés, a web pretende “achegar toda a información xacobea relacionada con Santiago e nunca antes recompilada, a calquera cidadán do mundo, engadindo un novo motivo para alargar a súa estancia en Compostela”, asegurou o coordinador do proxecto. Deste xeito, ademais do impulso cultural, fomentarase un novo recurso turístico para a capital galega e o alongamento da estancia media do visitante e, especialmente, dos millóns de peregrinos que cada ano chegan á meta do Camiño de Santiago.
Ademais, todo proxecto está tamén nas principais redes sociais, onde se pode atopar polo seu nome Santiago Oculto de los Peregrinos en Facebook e en Twitter e seguir desde aí toda a actualidade relacionada co proxecto.
Patrocinadores e colaboradores
Elaborado por Bolanda Edicións e Marketing, O Santiago Oculto dos Peregrinos conta co patrocinio e apoio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Turismo e Turgalicia, o Concello de Santiago, o Arcebispado, a Fundación e o Cabido da Catedral de Santiago, Novagalicia Banco, a Universidade de Santiago, así como a Cámara de Comercio da cidade e a Asociación de Hostalería.
Pero tamén moitas empresas de Compostela e de toda Galicia fixeron posible este proxecto: Pedras de Santiago, Gadis, Restaurante Calderón, Hostal dos Reis Católicos, o Museo das Peregrinacións, Apecsa, a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Tórculo Artes Gráficas, San Francisco Hotel Monumento, Vinoteca Rosalía, Centros Dentales Oral Group, Librería Couceiro, A Curtidoría, Restaurante Broa, Casa Pepe, O Dezaseis-Casa de Xantar, Casa Manolo, Restaurante Camilo, Café Casino Museo, La Flor, Don Gaiferos, restaurante mesón El Pasaje, camping As Cancelas, El Galeón, Gadis, o hotel Hesperia Peregrino e Fundación La Rosaleda.
A maioría deles estiveron presentes no acto, ao igual que numerosas autoridades locais e autonómicas, como os edís da corporación compostelá Albino Vázquez, Amelia González, Paula Prado, Rebeca Domínguez, Reyes Leis e Rubén Cela; a deputada María Seoane; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o expresidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor, entre outros moitos.
A Xunta presenta o Camiño no festival brasileiro de Gramado
fai 9 anos
Trátase dunha feira turística exclusiva para profesionais que se celebra no (+)
Un Foro conmemorará o 25 aniversario da morte de Elías Valiña
fai 10 anos
Vilafranca do Bierzo acollerá en decembro un Foro Internacional sobre o legado (+)